Pontevedra enchíase este luns 23 do son das tarteiras e os chifres do sector da hostalería que lanzou un berro desesperado solicitando axuda das administracións e da cidadanía.
A través da asociación Hoempo, que preside Víctor Pampín, lamentan a inxusta criminalización que está a sufrir o sector con presión por parte dos gobernos e a redución de ingresos mantendo ao 100% os gastos.
Por este motivo, este colectivo solicita a exención e devolución das taxas e impostos municipais do ano 2020, ademais piden tamén a exención das taxas e impostos municipais de 2021.
Facían este chamamento no seu percorrido desde Campolongo fronte ao edificio da Xunta de Galicia ata a praza de España, ante a Subdelegación do Goberno, despois de pasar por diante do Teatro Principal onde neses momentos celebrábase o pleno municipal.
Os hostaleiros aseguran que necesitan axuda da administración máis próxima. Denuncian que as subvencións do Goberno Central e da Xunta de Galicia non funcionaron e agora precisan a "axuda máis inmediata".
Alertan de que tanto os seus negocios como as súas familias están en perigo e recoñecen que é duro chegar a esta situación de petición para que reduzan as taxas "por pura supervivencia". Na manifestación tamén participou a Plataforma de afectados por covid (PAC) recentemente creada en Pontevedra, ademais doutros colectivos e condutores en vehículos de repartimento que provocaron retencións de tráfico durante o tempo que durou a manifestación en mostra de protesta como prexudicados por esta situación.