Queda formalmente constituída a PAC para aglutinar a "calquera cuxa actividade se viu truncada polo covid"

Pontevedra
20 de novembro 2020

Este venres quedou formalmente constituida a Plataforma de Afectados polo Covid Pontevedra. Dispón de máis de mil cen sinaturas de empresas e particulares . O seu obxectivo: "axudar a calquera persoa cuxa actividade se viu truncada polo coronavirus". Dirixen demandas ás administracións local, autonómica e estatal

Representantes da Plataforma de Afectados polo Covid Pontevedra tras o seu rexistro no Concello
Representantes da Plataforma de Afectados polo Covid Pontevedra tras o seu rexistro no Concello / Mónica Patxot

Tras a súa pertinente inscrición no Rexistro do Concello, este venres quedou formalmente constituida a Plataforma de Afectados polo Covid Pontevedra -co acrónimo de PAC- e que dispón de máis de mil cen sinaturas de empresas e particulares . O seu obxectivo: "axudar a calquera persoa cuxa actividade se viu truncada polo coronavirus" explicaba Jacobo Barragáns, portavoz deste novo colectivo.

Por agora participan autónomos e empresarios da hostalería, comercio, sector cultural, barberías, taxistas, particulares que perderon o seu posto de traballo, "calquera que queira unirse a nós, benvido é", apelaba. Pódese contactar a través da campaña de firmas que abriran, dispoñible en negocios da cidade; ou a través das redes de Instagram, Facebook e Twitter que tamén abriron.

Decláranse apolíticos e as súas demandas refiren ás administracións local, autonómica e estatal. No que refire ao Concello, solicitan unha devolución e suspensión das taxas municipais e unha flexibilización da normativa "que facilite a viabilidade dos negocios". Agradecen á Xunta "as axudas, pero han de ser inmediatas, claras e continuadas" e ao Goberno central reclaman "un erte único, claro, xusto e consciente da situación actual e a que está por vir".

O vindeiro luns sumaranse a unha protesta convocada ás 11.00 horas diante da sede administrativa da Xunta en Campolongo e que concluirá na Subdelegación do Goberno. De igual forma, repetirán cada venres unha cacerolada.