A comparsa ‘Las Flores del Carnaval’, do barrio pontevedrés de Monte Porreiro, será a encargada de iniciar o Entroido 2025 coa lectura do pregón na praza da Ferrería. Será o venres 28 de febreiro nun acto que inaugurará as celebracións..
É unha das comparsas máis coñecidas de Pontevedra, formada en 2010 e que na actualidade está conformada por 70 integrantes. O seu portavoz, Kike Durán, agradece ao Concello que pensaran neles para dar o pregón porque "consideramos que é un xeito de visibilizar todo o traballo que hai detrás dunha comparsa, de xente que perde o seu tempo para disfrutar eles do Carnaval e facer disfrutar aos demais".
Avanzou que, co seu pregón inaugural, "intentarémolo pasar moi ben e facervos pasar a vós un bo Carnaval".
Este ano, seguindo coa temática cinematográfica que domina a programación municipal dos últimos tempos, coincidindo coa entrega na cidade dos Premios Feroz 2025 e 2026, o Entroido estará adicado ao cine.

Os alumnos da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración O Garaxe Hermético foron os encargados de deseñar os 10 carteis para anunciar este Entroido de Cine.
Todos eles están protagonizados polo loro Ravachol referenciando con retranca a diferentes obras audiovisuais como Tiburón, A princesa Mononoke ou O meu veciño Totoro.
Todas as propostas realizadas polo alumnado están expostas no primeiro andar do mercado municipal ata o 9 de marzo. Marco Pérez, alumno da escola artística, sinalou que hai variedade de técnicas utilizadas nos carteis, tanto dixitais coma outras máis tradicionais.
Na mañá do venres 14 de febreiro, o edil de Cultura, Demetrio Gómez, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presentaron a programación para o Entroido. O acto tivo lugar no mercado municipal de Pontevedra, contando coa presencia dos pregoneiros deste ano e os alumnos da escola O Garaxe Hermético.

Os días centrais do Entroido abarcan dende o 28 de febreiro ata o 8 de marzo, pero a programación alóngase ata o 15 do mesmo mes con máis actividades.
Nesta celebración destaca o luns 3 de marzo coa presentación do Loro Ravachol na praza da Peregrina.
O alcalde pontevedrés destacou que na cidade celébrase o “Entroido urbano máis importante de Galicia” e o edil de Cultura avanzou que este ano será especialmente participativo, pois xa teñen confirmadas dúas comparsas máis das habituais para o desfile do sábado e agárdase moita asistencia de público.
Os cartaces oficiais do Entroido e a programación detallada poden consultarse na páxina web do Concello de Pontevedra.
