O Entroido comeza en Vilagarcía o 1 de marzo e repartirá 6.800 euros no desfile do martes

O Salnés
12 de febreiro 2025
Actualizado: 16:13

O 18 de febreiro abre o prazo para anotarse á cabalgata de disfraces. Os galardóns van dos 50 euros aos 1.300 dependendo das categorías: infantil, adulto, comparsas e "choqueiro"

Desfile do Entroido 2023 en Vilagarcía
Desfile do Entroido 2023 en Vilagarcía / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía quenta motores para festexar o mes máis máxico. A tempada de Entroido está a piques de comezar e conta este ano con algunhas novidades. A principal é que o Concello estende a celebración e o sábado 1 de marzo xa contará con animación polas rúas. Ademais, repartiranse ata 6.800 euros en premios aos participantes do desfile de carrozas, que será o martes 4. A inscrición abrirá o vindeiro 18 de febreiro.

"O Entroido forma parte da cultura popular de Galicia, por iso é fundamental que non se perda: sae da xente e é para a xente, así que animamos a todas as persoas, asociacións, parroquias, barrios e colexios a que participen activamente", pediu a concelleira de Cultura, Sonia Outón.

Para iso, o Concello de Vilagarcía aposta polo adianto das celebracións xa ao sábado 1 de marzo, cando a comparsa de Vilaxoán 'Marajota e Media' sairá ás rúas para animar o ambiente. "Entendemos que ese sábado xa hai moita xente que sae disfrazada, por iso semella o día máis acaído", explicou a responsable.

Pola contra, este ano non haberá Festival de Comparsas, que tradicionalmente se celebraba no Auditorio Municipal. O motivo é que, dende hai uns anos, son cada vez menos as agrupacións que se anotaban no certame debido á desaparición de moitas ou a coincidencia con outras celebracións. Por este motivo, o Concello prefire reforzar outras actividades do Entroido.

O luns 3 de marzo os protagonistas serán os máis pequenos coa celebración do Entroido Infantil na Praza da Peixería de 17:00 horas a 20:00 horas. A ambientación musical correrá a cargo da Duendeneta, haberá pintacaras e taller de tatuaxes, de chapas e de marionetas, entre outros.

O martes 4 será o día grande do Entroido de Vilagarcía co desfile de disfraces e carrozas "unha auténtica referencia en toda a comarca e máis aló", segundo apuntou a concelleira.

A festa comezará ás 17:00 horas e os participantes sairán dende a rúa Alexandre Bóveda para continuar por Alejandro Cerecedo, Dr. Tourón, Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo, Praza Independencia, San Roque, Intersección rúa Cervantes, avenida Juan Carlos I e rematará na Casa do Concello. As carrozas non poderán medir máis de 9 metros de longo por 2,5 de ancho e 3,5 de alto.

O Concello repartirá 5.300 euros en premios para diferentes categorías: infantil, individual ou en parella (para nenos en nenas ata 13 anos); adultos, individual ou en parella (a partir dos 14 anos) e categoría comparsas, que poden ser de máis de 20 persoas ou de menos. Todas as categorías terán primeiro, segundo e terceiro posto, e recibirán dende 50 euros a 1.300.

A esta contía súmanse outros 1.500 euros en premios de 500 á mellor carroza, mellor animación e un accésit choqueiro, a repartir entre os que se disfracen deste personaxe popular. Os gañadores daranse a coñecer ao remate do desfile, sobre as 20:30 horas no baile de Entroido que se celebra na Praza da Peixería, de novo coa Duendeneta.

A inscrición ábrese o día 18 de febreiro e pechará o 28 deste mesmo mes. Débese facer na oficina da concellería de Cultura sita no segundo andar do Auditorio Municipal en horario de 09:00 horas a 13:30 horas. A instancia pódese descargar na sede electrónica (sede.vilagarcia.gal) ou na web municipal. Aos inscritos entregaráselle un dorsal cun número que deberán levar sempre visible no momento do desfile.

A FESTA CONTINÚA EN VILAXOÁN E CARRIL

O espírito do entroido non abandonará a cidade ata a fin de semana do 7, 8 e 9 de marzo nos núcleos de Vilaxoán e O Carril.

A festa continúa ese venres a partir das 20:00 horas no Centro Sociocultural de Vilaxoán co Festival de Comparsas e, ao día seguinte, o sábado 8 de marzo, terá lugar o enterro da sardiña con saída dende a lonxa ás 19:30.

Ese mesmo día, pola tarde, haberá un DJ que animará a todos os presentes no Gato Negro en O Carril. Finalmente, o día 9, pecharán a tempada co seu propio enterro da sardiña. Un pasarrúas velará ao boneco, que sairá ás 18:30 horas dende a rúa Victoria, continuará polas rúas Extramuros, Xalda, Viqueira Conde, Lucena, Aduana, Mariña e será queimado na Praza da Liberdade.