O Concello de Poio repartirá 4.820 euros en premios no desfile de Entroido que se celebrará o domingo 2 de marzo, a partir das 12.00 horas, entre a biblioteca municipal e a Praza da Granxa, en Campelo.
Un formato que se estreou o ano pasado e que, nesta edición, consolídase para intentar repetir a alta participación conseguida con grupos e comparsas.
Todas as persoas que participen deberán estar neste lugar unha hora antes da saída. A chegada será na Praza da Granxa, onde será o fin de festa con música, animación e entrega de premios aos mellores disfraces.
As categorías nas que se pode concursar no desfile de Entroido son individual, parella ou grupo, tanto en infantil (ata 14 anos) como adultos (desde os 15 anos).
No caso dos grupos, terán como mínimo tres participantes que deberán gardar unha unidade temática; poderán ir acompañados de carroza ou plataforma móbil.
Este ano aumentan os premios establecidos para o concurso.
O prazo para anotarse estará aberto desde o xoves día 6 de abril, ata o 21 de febreiro, ambos inclusive.
Os grupos deberanse inscribir a través da sede electrónica do concello, mentres que no caso da inscrición individual ou en parellas pódese facer tamén no rexistro xeral do Concello de Poio, entre as 8:30 e as 14:00 horas ou, só nestas dúas categorías, facer a inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da biblioteca municipal.
O xurado do concurso estará composto por membros da comisión municipal de Educación, Cultura e Deporte, que valorarán aspectos como o vestiario, a orixinalidade, coreografías, harmonía, simpatía, actitude, ritmo, animación, estética, posta en escena, maquillaxe, presenza de elementos complementarios como carrozas ou plataformas móbiles, etc.
Ademais do desfile de Entroido, o Concello de Poio xa adiantou que este ano tamén se repetirá a Pasarela de Comparsas, o venres 21 de marzo na Seca, na que as comparsas e agrupacións participantes exhibirán os seus disfraces e coreografías, e incluirá tamén entrega de mencións especiais, música e moita animación.
A maiores destas dúas citas, tamén se incluirán os enterros e outras actividades organizados en colaboración cos diferentes colectivos locais e que se irán concretando nos días próximos.