O Concello de Marín vén de publicar as bases do concurso-desfile do Entroido que se celebrará na vila do 28 de febreiro ao 9 de marzo.
O programa de actividades comeza o venres 28 de febreiro cos Cantos de taberna.
A partir das 21:00 horas, as formacións Os Saljariteiros e Sons do Peto serán as encargadas de animar coa súa música as tabernas marinenses.
O sábado 1 de marzo será o Desfile infantil. As inscricións realizaranse ás 16.00 horas no Palco da Música da Alameda para empezar a andar coa comitiva ás 16.30 horas. O traxecto sairá da Praza do Reloxo pasando por Sol e Concepción Areal, finalizando no Parque Eguren, onde haberá unha festa infantil até as 19.00 horas con animación, musica, obradoiros e degustación gratuíta de filloas. En caso de choiva, o desfile será cancelado.
O domingo, 2 de marzo, ás 12.30 horas animación de Entroido coas comparsas percorrendo polas rúas de Marín para quentar motores para o Gran Desfile de Adultos da tarde. Ás 16.00 horas, convocarase a todos os participantes na Praza do Regueiro e ás 17.00 horas arrincará o desfile de disfraces e carrozas, que pasará pola Avenida de Ourense, a Praza de España, Almuíña, Jaime Janer e Concepción Areal, finalizando no Parque Eguren coa entrega de premios. En caso de choiva, trasladarase ao Multiusos.
O Desfile de Adultos é un dos momentos máis esperados do Entroido. Os participantes poden competir en varias categorías cos seguintes premios: Individuais: Até 150 euros; Parellas: Até 250 euros; Grupos: Até 900 euros e Comparsas: Até 1.300 euros.
A orixinalidade, o vestiario e a animación serán clave para conquistar ao xurado.
O peche do entroido de Marín chegará co Enterro da Sardiña, unha cerimonia cargada de humor e sátira que se celebrará o mércores 5 de marzo.