Flotadores e lentes acuáticas ás portas do colexio Froebel para denunciar as pingueiras

Pontevedra
24 de xaneiro 2024

Este mércores, un grupo de escolares, acompañados de familiares, protesta diante da entrada do centro escolar. Desde a ANPA Pardo Bazán do colexio indican que, malia as promesas realizadas pola Xunta para acometer o cambio de cuberta, estas obras prometidas continúan sen figurar na documentación de proxectos previstos en centros educativos de Pontevedra. Anuncian que manterán actos de protesta todos os mércores

Protesta escolar pola falta de reforma no CEIP Froebel / PontevedraViva

"Mércores negros". Así denominan desde o ANPA Pardo Bazán do CEIP Froebel as protestas que se iniciaron este 24 de xaneiro e que terán continuidade todas as semanas motivadas pola falta de información sobre a reforma prevista na última fase de melloras do centro educativo.

Escolares portando flotadores, gorros de baño e lentes acuáticas protagonizaban esta primeira concentración reivindicativa, acompañados por familiares, nun acto semi improvisado que se manterá todos os mércores ante a entrada do centro. 

"Nenos entre charcos. Reforma xa" e "10 anos agardando. Xunta cumpre xa" eran as frases que lucían nas pancartas realizadas para esta pequena acción na que se denuncian as numerosas pingueiras que continúa a sufrir o centro cando se producen choivas abundantes. 

Eva Lourenco, presidenta do ANPA, sinala que a Xunta de Galicia prometeu máis dun millón de euros para acometer esa última fase da reforma, que inclúe o necesario cambio de cuberta. Malia estas promesas, a obra aínda non figura na documentación oficial sobre os proxectos previstos en centros educativos de Pontevedra para este ano.

"Imos protestar ata que nos presenten un documento asinado pola Xefatura Territorial de Educación con data para o comezo das obras", indica Eva Lourenco, quen lembra que estes traballos anunciáronse en 2013 e agora mesmo, a pesar de que se prometeron para o verán de 2024, non constan en ningún documento por parte da Consellería de Educación.

Ante esta situación, alertan de que continuarán mantendo protestas xa que a situación do centro escolar resulta perigosa para os escolares e tamén para o profesorado cada vez que se encharcan determinadas zonas comúns do patio interior do centro e os corredores de acceso ás aulas.