A intensa xornada de choivas que atravesan as Rías Baixas durante este venres 30 de xaneiro deixou ao seu paso complicacións na rede viaria de Vilagarcía de Arousa.
A incidencia máis destacada produciuse arredor das 13:45 horas, cando a Policía Local e o servizo de Emerxencias foron alertados da aparición dunha fochanca de grandes dimensións na rúa Agustín Romero, á altura do número 70.
A deficiencia no firme obrigou as autoridades a sinalizar de urxencia a zona e a cortar o tráfico no carril afectado.
Para minimizar o impacto na circulación, habilitouse o carril intermedio de acceso á rúa Matosinhos como vía alternativa para suplir o tramo pecho.

Aínda que a estrada é de titularidade da Xunta de Galicia, o goberno local asumirá a reparación a principios da vindeira semana para evitar demoras que poidan agravar o problema nas inmediacións do cruzamento coa avenida de Matosinhos.
Segundo o Concello de Vilagarcía de Arousa, a focha abriuse como consecuencia dunha corrente de auga que erosionou o terreo baixo o asfalto.
A zona está sinalizada e valada cun perímetro de seguridade. Malia todo, durante estas xornadas pode manterse a circulación en ámbolos dous sentidos ao dispor a vía de ancho suficiente nese tramo.
Segundo informa o goberno local, cando comecen as obras vai estudarse se é necesario pechar un carril para o acceso da maquinaria, polo que a circulación tería que alternarse polo outro mediante regulación semafórica.
O Concello insiste en reclamar melloras á Xunta de Galicia naquelas estradas de titularidade autonómica.
OUTRAS INCIDENCIAS
Antes deste incidente, a quenda de mañá xa deixara incidencias para os servizos de seguridade debido á formación de grandes balsas de auga.
A Avenida Rosalía de Castro, nas inmediacións do balneario, tivo que ser pechada ao tráfico entre as 10:45 e as 11:15 horas.
Segundo informan fontes policiais, a rápida intervención dos equipos de emerxencia, sumada a unha tregua nas precipitacións, permitiu reabrir a vía sen que se rexistrasen retencións de gravidade.

Case simultaneamente, a rúa López Ballesteros tamén sufriu as consecuencias do temporal. O paso baixo a ponte da liña do ferrocarril quedou intransitable durante aproximadamente unha hora, obrigando a desviar os vehículos cara a itinerarios alternativos.
Polo momento, os servizos municipais manteñen a vixilancia ante a posibilidade de que as choivas previstas continúen afectando á seguridade viaria nos puntos máis sensibles do municipio.
CASETA DESPRAZADA
Durante a tarde, os axentes tiveron que intervir con urxencia ante o desprazamento de varias tapas de sumidoiro, unha circunstancia que provocaba situacións de risco directo para a circulación dos vehículos.
Ademais do perigo no firme, as refachas de vento provocaron a caída ou o deterioro de sinais de tráfico, que resultaron dobradas en varios puntos da localidade.
O incidente máis aparatoso produciuse nunha zona da periferia, onde unha caseta de obra foi arrastrada polo vento ata quedar cruzada na calzada, cortando por completo o tráfico no vial.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.