"Fogares creativos", unha solución para persoas que viven soas e cidadáns que buscan unha vivenda digna

Pontevedra
21 de febreiro 2025

A asociación Boa Vida aborda a crise residencial e a soidade non desexada cun novo proxecto de modelo co.living que se presentará o luns 24

Os integrantes de Boa Vida Fernando Lugaresi, Ócar Fraiz e Natalia Montenegro presentando o proxecto "Fogares Creativos"
Os integrantes de Boa Vida Fernando Lugaresi, Ócar Fraiz e Natalia Montenegro presentando o proxecto "Fogares Creativos" / Isabel Fariña Boullosa

Este 21 de febreiro, os membros da organización pola inclusión social Boa Vida  Fernando Lugaresi, Óscar Fraiz e Natalia Montenegro presentaron o proxecto "Fogares Creativos"

Esta iniciativa busca unha solución común para dúas problemáticas actuais: a soidade non desexada e a crise residencial.

A iniciativa está cofinanciada pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% da declaración da renda, xunto coa colaboración con entidades como a Asociación Cultural Chan do Monte

Ten como obxectivo xerar novas redes de apoio e convivencia entre persoas que viven soas e cidadáns que teñan problemas para acceder a unha vivenda digna.

A presentación oficial do programa terá lugar o luns 24 de febreiro ás 17:00 horas, no salón de actos situado na rúa Echegaray nº10. Durante o evento, ofreceranse todos os detalles sobre o funcionamento do proxecto e os requisitos para participar da iniciativa.

Segundo os datos actuais do Instituto Nacional de Estatística, na provincia de Pontevedra hai case 94 mil persoas que viven soas. Esta cifra, complementada con estudos realizados pola organización nos últimos meses en parroquias como Cerponzóns, Santa María, San Andrés de Xeve e Salcedo, sinalan esta situación como unha problemática real e preocupante.

Na asociación, entenden esta soidade como un produto consecuente da vida moderna e o individualismo que a caracteriza. 

Lonxe de ser unha cuestión individual, aclaran que é o resultado de cambios socioeconómicos que se produciron nas últimas décadas e que afectan a persoas de todas as idades e clases sociais.

As persoas que sufren soidade non desexada vense afectadas pola resignación e falta de coñecemento de solucións á súa situación. A isto se lle suma un medo ou escepticismo a crear novas relacións de convivencia

Ante isto Óscar Fraiz, traballador social responsable do proxecto, puxo de manifesto que un dos principais desafíos é "romper a barreira da desconfianza"

O proxecto busca reconstruir vínculos comunitarios grazas á realización de actividades formativas en torno á creación de sistemas de apoio mútuo ou o autocoñecemento

Outra das barreiras máis alarmantes da sociedade actual é a dificultade para acceder a unha vivenda

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), en Pontevedra hai preto de 8.000 vivendas desocupadas

Ante estos datos, Boa Vida fai un chamamento ás persoas propietarias para que poidan formar parte da solución, facilitando vivendas en alugueiro seguro. 

A entidade comprométese a garantir un proceso de arrendamento fiable e a ofrecer formación ás persoas que residan nesas vivendas, fomentando unha convivencia armoniosa baseada no respecto e na confianza. 

O principal obxectivo de "Fogares creativos", é fomentar a creación de fogares compartidos, seguindo os modelos de cohousing e coliving, onde as persoas poidan vivir xuntas e establecer vínculos socioafectivos e redes de apoio mutuo. 

Búscase que esta convivencia sirva non só para acompañarse no día a día, senón tamén para xerar redes de axuda en momentos difíciles, así como para compartir celebracións e festividades.

Para poder lograr este obxectivo, o proxecto está dividido en dúas fases.

A primeira consiste nunha etapa de difusión da iniciativa, enfocada na captación de persoas interesadas

Boa Vida ofrece 30 prazas para formar parte do proxecto, que non son individuais, senón que tamén acollen a núcleos familiares. 

Unha vez estean completas, dará paso a unha etapa de obradoiros formativos de aprendizaxe socioafectiva enfocados nos conceptos de convivencia e formación de comunidades sanas. 

Neles, as persoas participantes poderán adquirir ferramentas para fortalecer as súas habilidades sociais, mellorar as relacións interpersoais e aprender a convivir de maneira positiva con outras persoas.

A organización supervisará e fará un seguimento das relacións formadas polo proxecto, asegurando unha cohabitación sa e recíproca.