Madrid será o lugar onde técnicos da Deputación de Pontevedra e do Ministerio de Fomento manterán unha xuntanza, o próximo luns 26 de setembro, para tratar de desbloquear o protocolo que ambas administracións acordaran para poñer en valor dezaoito xacementos castrexos da provincia.
Carmela Silva manifestou que o obxectivo da institución provincial é seguir cos traballos previstos e co calendario establecido para os 18 xacementos nos que hai que actuar "e que Fomento inicie xa as súas obrigas con respecto ao protocolo asinado".
O documento recolle a realización de tarefas de escavación en seis dos castros e labores de limpeza noutros doce por parte da Deputación, mentres que Fomento se encarga, unha vez rematados os traballos da institución provincial, da musealización, consolidación, restauración, accesibilidade e sinalización destes xacementos.
Silva lembrou que a Deputación está cumprindo "rigorosamente" coas súas obrigas, pero non así dende Madrid. "Eu xa amosei a miña preocupación, aínda que agora estou convencida de que esta situación cambiará a partir do luns", afirmou.
A presidenta provincial engadiu ademais que, como o que existía era un protocolo, "tamén plantexamos a Fomento que asinemos un convenio que sexa xa unha obriga total e absoluta por parte das dúas administracións".
Explicou que o primordial é "poder continuar cun proxecto tan relevante para a provincia, co que estamos totalmente volcados e que está dando tanta información e tantos descubrimentos da nosa historia".