O Ministerio de Fomento espera concluír no primeiro semestre do próximo ano 2016 o seu estudo coas posibles solucións para o paso da vía do tren na Praza dos Praceres, segundo o último informe remitido pola Secretaría de Estado de Infraestruturas en relación a este asunto.
Despois do fallo do Tribunal Supremo, no que deu a razón aos veciños na súa reivindicación contra o paso do tren ao porto de Marín por esta praza pública, os técnicos do ministerio proxectaron construír pasos soterrados.
Con todo, dada a desconformidade manifestada polo Concello de Pontevedra durante a tramitación do expediente, e a oposición da Plataforma Defensora da praza dos Praceres, e doutros colectivos e particulares, Fomento considera que todos estes aspectos técnicos "deben quedar resoltos adecuadamente antes de proceder á elevación do expediente ante o Consello de Ministros".