Fomento comprometeuse a redactar un proxecto para a creación dunha senda peonil entre o lugar de Calvelo e a súa cabeza parroquial, situada en Tenorio, de xeito paralelo á estrada N-541.
Así o anunciou o alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, despois da xuntanza que mantivo con representantes da Demarcación de Estradas en Galicia para abordar certos proxectos sobre infraestruturas no municipio.
Este proxecto abranguería un treito de case dous quilómetros e favorecerá o tránsito a pé de moitos veciños da zona ao incrementarse en gran medida a seguridade viaria.
A habilitación dunha senda peonil completaría outras melloras recentes acometidas polo Concello de Cotobade na contorna da N-541 tendentes a humanizar a zona, suavizar o impacto do tráfico e eliminar todo risco de sinistralidade para os peóns.
Nesta mesma zona, a mellora do enlace de Calvelo coa N-541 xa está adxudicada provisionalmente e agora só resta por afrontar o pago das expropiacións antes de que remate o proceso administrativo e comece a obra.
Por outra banda, o alcalde cotobadés tamén abordou, durante a súa reunión con Estradas, a necesidade de aprobar canto antes as ordes de estudo para a mellora dos enlaces da estrada N-541 nos lugares de Cutián, na parroquia de San Xurxo de Sacos, e O Cádavo, en Santa María de Sacos.
Ao respecto, Cubela ten previsto reunirse en Madrid coa ministra de Fomento, Ana Pastor, para concretar definitivamente a execución destes accesos, xa comprometidos.
Ademais, o Concello tamén está a xestionar co goberno central que deixe sen efecto a obra de reforma da N-541 ao seu paso por Viascón, xa que os veciños e a comunidade de montes opuxéronse á mesma ao considerala prexudicial.