A Autoridade Portuaria de Marín conta con seis proxectos financiados polos Fondos Next Generation da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Catro destes proxectos corresponden a actuacións de eficiencia enerxética, renovación de iluminación e tecnoloxía LED e dous deles a actuacións en materia de sustentabilidade ambiental.
En total, destínase a estes proxectos 1,7 millóns de euros segundo o Plan de Investimentos.
Como proxectos de eficiencia enerxética finalizouse a "Alumado da chaira do Antigo Peirao de Ribeira" e a "Mellora da eficiencia enerxética en sinais marítimos con luces led de alta potencia e última xeración".
No primeiro caso tratouse da substitución das antigas torres de iluminación e no segundo caso tamén se mellorou a eficiencia enerxética nos sistemas de axuda á navegación mediante a adquisición de lanternas LED de alta potencia e última xeración para garantir o funcionamento do sinal e o cumprimento do nivel de servizo permitindo producir os alcances nominais esixidos cun consumo enerxético cada vez menor, coa conseguinte redución de tamaño nos seus equipos, aumentando a fiabilidade e mellorando as operacións de mantemento.
Dentro deste mesmo grupo de proxectos atópase xa en avanzado estado de execución o de "Eficiencia enerxética na rede de iluminación do porto", que é a obra con orzamento máis elevado do seis proxectos financiados, con preto de 800.000 euros de investimento.
Ademais acaba de saír a licitación a obra de "Mellora da iluminación interior da sede da Autoridade Portuaria".
Os proxectos en materia de sustentabilidade ambiental aos que se destinan tamén fondos europeos son as obras de "Telemedida na rede de distribución de auga do Porto de Marín", recentemente finalizada, e a obra de "Telemedida en rede eléctrica do porto" que se atopa actualmente en execución.