Fondos europeos para atallar a sangría eléctrica do ximnasio da Seca en Poio

Poio
13 de agosto 2020

Co proxecto de mellora de eficiencia enerxética aprobado, o Concello rebaixará ostensiblemente o case oito mil euros en consumo dos últimos anos

Ximnasio municipal de A Seca
Ximnasio municipal de A Seca / Concello de Poio

O ximnasio da Seca vai ser obxecto dunha obra de mellora da eficiencia enerxética que o Concello de Poio espera que estea concluída para o ano próximo. Unha actuación que conlleverá un importante aforro para as arcas municipais que veñen desembolsando case oito mil euros en consumo eléctrico nos últimos anos.

Mellorarase o illamento exterior cun revestimento especial, e substituiranse as xanelas por outras de mellor calidade. O proxecto, que executará Calicanto Obras e Proxectos, está orzado en algo máis de 124.000 euros.

Parte desta cantidade sufragarase co medio millón de euros de fondos europeos que o Concello obtivo do IDAE, o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía. Ditos fondos comunitarios destinaranse igualmente para a rehabilitación da cuberta do pavillón polideportivo e a do propio Consistorio.

No que respecta ao pavillón, a Concellería de Deportes contactou con municipios da comarca para solicitar que os clubs que adestran e compiten habitualmente nestas instalacións, poidan dispoñer dun emprazamento alternativo.