Poio pacta cos clubs iniciar as escolas deportivas a partir do 1 de outubro

Poio
03 de setembro 2020

A decisión queda supeditada á evolución da pandemia, segundo sinala o goberno local

Reunión telemática de Marga Caldas cos clubs deportivos de Poio
Reunión telemática de Marga Caldas cos clubs deportivos de Poio / Concello de Poio

As escolas deportivas de Poio iniciarán a súa actividade para partir do próximo 1 de outubro. É o acordo ao que chegou o Concello cos clubs que xestionan as actividades de deporte base, a condición de que a evolución da pandemia o permita.

Previamente habilitarase un prazo de pre-inscrición coa idea de "ter unha previsión da demanda que imos ter este ano nas diferentes modalidades", explicou a concelleira de Deportes, Marga Caldas, tras reunirse telematicamente con representantes das entidades deportivas do municipio.

A edil aclarou que se establecerán as medidas de prevención e seguridade pertinentes e estableceranse limitacións nos grupos de adestramento en función das normativas das federacións e da Xunta de Galicia. Ademais o Concello de Poio ten previsto establecer un protocolo propio en cada instalación "adaptándonos ás características propias de cada modalidade".

No encontro Caldas interesouse pola situación nas que se atopan os clubs, en relación sobre todo á posible data de inicio de cada competición, e tamén se falou sobre as obras de remodelación previstas no pavillón da Seca e no ximnasio municipal.