O alumnado de 1º de Bacharelato do IES de Soutomaior proclamouse gañador de 'O Gran Concurso do Formigón'.
A iniciativa, impulsada polo Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo), busca incentivar a canteira de arquitectos técnicos na provincia e estimular o coñecemento sobre o formigón, un material fundamental na construción.
A clase de Soutomaior conseguiu elaborar o formigón máis resistente, alcanzando os 17,60 N/mm².
O segundo e terceiro posto foron para dous centros da cidade de Vigo.
O IES Carlos Casares obtivo a segunda posición cunha resistencia de 14,70 N/mm², mentres que o IES Ricardo Mella situouse na terceira praza con 13,80 N/mm².
A compañía especializada en ensaios de formigón Enmacosa (Mos), foi a encargada de someter as probetas a un exhaustivo ensaio de compresión, certificando así os resultados finais do concurso.
O acto de entrega de galardóns terá lugar o 13 de xuño na sede do Colexio Oficial de Arquitectura Técnica de Pontevedra (Coatpo).
A cerimonia estará presidida por Manuel Rañó, presidente do Colexio, e contará coa presenza de membros da Xunta de Goberno.
Como parte do premio, os alumnos do tres centros educativos gozarán dunha visita guiada ao Centro Histórico de Pontevedra da man do Coatpo.
Tamén terán a oportunidade de coñecer a exposición que conmemora o 20 aniversario da rehabilitación da sede do Colexio e serán obsequiados cunha camiseta conmemorativa, lanterna, flexómetro e bolsa corporativa.
O IES de Soutomaior, como centro gañador, participará tamén na edición nacional do concurso.
Nesta edición de 'O Gran Concurso do Formigón' participaron 35 institutos da provincia de Pontevedra, involucrando a corenta clases e ao redor de 600 alumnos de 1º de Bacharelato.
Jose Iglesias, en nome da Xunta de Goberno do Colexio, quixo enviar unha mensaxe de agradecemento a todos os centros educativos participantes "polo entusiasmo, o compromiso, a implicación e o interese demostrado nunha iniciativa que pretende espertar vocacións vinculadas á Arquitectura Técnica", e animou a estes centros educativos a "participar na edición do próximo ano 2026".