Franxas, cortalumes e extinción, as tarefas nos incendios que podería facer a Brilat, segundo Rueda

Pontevedra
17 de agosto 2025

"Eu vivo na cidade de Pontevedra, onde hai unha unidade do Exército moi potente, moi profesional e que creo que nestes momentos podería facer un labor fundamental", sinalou o presidente galego

Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, no centro de coordinación operativo contraincendios en Ourense
Pedro Sánchez e Alfonso Rueda, no centro de coordinación operativo contraincendios en Ourense / Xunta de Galicia

A Brigada Galicia VII, Brilat, podería realizar un labor "fundamental" na actual vaga de incendios que está a arrasar Galicia. Así o defende o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e este domingo trasladoullo ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Sánchez visitou este domingo Ourense para coñecer a situación dos lumes no centro de coordinación operativo contraincendios acompañado acompañado de Alfonso Rueda; do ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska; e do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.

Na comparecencia posterior, Rueda explicou que trasladara ao presidente do Goberno a "necesidade de que se mobilicen máis medios". Aínda que recoñeceu que se está a traballar "coordinadamente" entre todas as institucións nestes días "moi duros", tamén puxo deberes ao Executivo trasladando os medios "absolutamente imprescindibles" que necesitan ante esta emerxencia.

Entre eles, está a mobilización das Forzas Armadas e Rueda puxo o foco na Brilat, lembrando a súa condición de pontevedrés. "Eu vivo na cidade de Pontevedra, onde hai unha unidade do Exército moi potente, moi profesional e que creo que nestes momentos podería facer un labor fundamental".

A súa tarefa podería ser, segundo Rueda, "colaborar cos servizos de extinción". Como exemplo, falou do manexo de pas, pois "podería axudar en zonas máis afastadas a facer franxas, cortalumes e axudar aos servizos de extinción", indicou. Hai, para o presidente autonómico, "moitísimos exemplos".

A Brilat xa realiza, coa Armada, funcións de prevención e disuasión na operación Centinela Gallego, que esta fin de semana reforzáronse até sumar as 47 patrullas e 200 efectivos despregados, pero isto que propón Rueda é unha actuación en extinción.

Rueda confiou en que a súa petición "lóxica" poida ser atendida "o máis axiña posible" mentres que Sánchez respondeu que se facilitarán "todos os recursos que sexan necesarios" para "perimetrar" e "extinguir canto antes" os incendios. "Imos facer todo e máis", insistiu, "pondo a disposición da Xunta de Galicia, neste caso, todos os recursos".

Sobre as Forzas Armadas, avanzou que a Unidade Militar de Emerxencias (UME) deu o visto e prace a despregar 500 efectivos máis do Exército de Terra nos distintos incendios de España e comprometeuse a estudar a posibilidade de quea Galicia cheguen os suficientes para "dar resposta efectiva". Rueda pídelle 200.