O frío non puido coa maxia, así foi a Cabalgata de Reis na Boa Vila

Pontevedra
05 de xaneiro 2026
Actualizado: 06 de xaneiro

A Cabalgata de Reis encheu Pontevedra de música e fantasía, carrozas temáticas e a ilusionante chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar

Cabalgata dos Reis Magos 2026
Cabalgata dos Reis Magos 2026 / Cristina Saiz

A tarde abriuse paso con tregua meteorolóxica e moita ilusión. A choiva, sempre imprevisible, decidiu respectar á comitiva real que, ao redor das seis, comezou a serpentear polas rúas da Boa Vila. Os paraugas, esta vez, non se usaron para resgardarse, senón para atrapar caramelos que chovían desde o alto. Facía frío, un frío de inverno auténtico, pero o ambiente estaba cargado desa calor especial que só espertan as grandes citas compartidas como a Cabalgata dos Reis Magos.

Como xa empeza a ser habitual, o desfile arrincou cun xesto de sensibilidade e coidado nos seus primeiros 200 metros que se percorreron sen música nin estrondo, creando un espazo tranquilo pensado para os nenos e nenas con trastorno do espectro autista (TEA). Un inicio sereno que marcou o ton inclusivo dunha tarde pensada para todos.

Encabezando a marcha avanzaban a Policía Local e o camión-escaleira dos Bombeiros, abrindo camiño a un desfile que converteu as rúas da capital nun auténtico escenario de fantasía.

A partir de aí, o silencio deu paso á música coa entrada en escena da Banda de Salcedo, que puxo ritmo e alegría a todo o percorrido.

A maxia non tardou en despregarse. Varias compañías e espectáculos encheron a cabalgata de cor e sorpresa. Desde os rechamantes "Flamingos" e "Medusas" de Barafunda, pasando polos zancudos de Hípica Celta, as entrañables "Ovellas do Belén" de Rivel Animación ou o peculiar "Dentista da Rúa Brasov" arrincaron sorrisos e aplausos ao seu paso.

A Charanga Xuntanza fixo subir varios graos a temperatura emocional, convidando o público a bailar. E, cando a festa xa estaba en marcha, chegaron os sons de raíz coas muiñeiras dos Gaiteiros de Celme e os grupos folclóricos Pola Vila e Duos Pontes, antes de que a percusión de Troula acelerase o pulso co seu vibrante "Circo Krasnodar".

As carrozas temáticas engadiron unha nova viaxe á imaxinación, con escenas protagonizadas polo mago Merlín, personaxes de Star Wars ou o lendario Tarzán.

Foi a antesala perfecta para a chegada das grandes protagonistas da noite: as carrozas reais de Melchor, Gaspar e Baltasar.

O broche final puxérono os elefantes da Festa Escénica e as coloridas "Nécoras da Ría" de Rivel Animación, pechando un desfile que volveu demostrar que a maxia, cando se comparte, abriga mesmo nas tardes máis frías.

 

Arquivado en