Fronte común entre a Deputación e a Universidade de Vigo para captar fondos europeos

Pontevedra
12 de xullo 2022

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo asinarán un novo convenio que, entre os seus principais obxectivos, incluirá estreitar a colaboración entre ambos os organismos para captar financiamento europeo para proxectos na provincia

Recepción de Carmela Silva ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa
Recepción de Carmela Silva ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa / Universidade de Vigo

A Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo asinarán un novo convenio que, entre os seus principais obxectivos, incluirá estreitar a colaboración entre ambos os organismos para captar financiamento europeo para proxectos na provincia.

Este convenio dará continuidade ao protocolo asinado en 2015 e que, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, permitiu "unir forzas" para transformar a provincia seguindo un modelo "moi claro" e comprometido coa cidadanía.

O novo protocolo, ademais de explotar a captación de máis fondos europeos, recollerá o compromiso de continuar avanzando cara á igualdade real na sociedade e reforzar a colaboración público-privada para que as transformacións sociais cheguen ás empresas.

"Temos claro que queremos impulsar o coñecemento e a innovación, a transformación baseada no medio ambiente, a mobilidade amable e segura, a sustentabilidade turística, a atracción de eventos culturais e deportivos e, desde logo, a igualdade", resumiu Silva.

Destacou ademais a necesidade de aproveitar os fondos europeos para pechar a "fenda dixital" acabando con "cousas tan intolerables" como que haxa xente "non tan maior" que non poida pedir unha cita telemática ou un certificado.

A maiores, a presidenta provincial reclamou sumar esforzos para que os fondos europeos materialicen equipamentos e infraestruturas que "capilaricen o territorio" e contribúan á loita contra o despoboamento, así como singularizar ao sector primario da provincia.

"Queremos que o diñeiro de Europa deixen efectos perdurables, que cambien as cousas e que vaian máis aló do día en que se xustifica o gasto", sostivo Carmela Silva.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, sinalou que esta colaboración público-privada é unha "fórmula de éxito", polo que ofreceu o seu apoio a calquera iniciativa da Deputación de Pontevedra para reforzala.

Nesta liña presentouse como un cidadán europeo "orgulloso de que Europa apunte na dirección correcta" con iniciativas en materia de dixitalización, igualdade e medio ambiente.

"É imprescindible aproveitar este vento de cola", sentenciou.