Frustran un novo intento de apertura da tapería sen licenza de Combarro

Poio
20 de xullo 2026

A Policía Local de Poio impide a reapertura da tapería clausurada en Combarro. O local volveu ser precintado tras romper o selo e tentar montar a terraza

Precinto da tapería 'La Terraza Chill Out' en Combarro
Precinto da tapería 'La Terraza Chill Out' en Combarro / Concello de Poio

Tras o seu enésimo precinto, executado hai apenas unha semana, a tapería clausurada en Combarro porque, segundo o Concello de Poio, non ten licenza de actividade, volveuno a tentar. Iso si, sen éxito.

Os veciños da zona, que presenciaron como durante os últimos días os seus propietarios meteran material novo no local, alertaran desta situación.

E grazas a esa información, a Policía Local impediu que volvesen abrir as súas portas.

Os seus responsables romperon o precinto e, este mesmo domingo, tentaron montar a terraza do establecemento, pero os axentes impedíronllo.

Segundo confirman a PontevedraViva desde o goberno municipal, "xa está de novo precintado e todo confiscado".

Este novo intento sumarase ao expediente aberto contra este local.

Esta tapería, situada na Rúa 3 de Combarro, xa fora precintada en agosto de 2025 por carecer de licenza, por incumprimentos urbanísticos e por un amplo historial de denuncias por molestias, ruídos, cheiros, fumes ou apropiación indebida de espazo público.

A Consellería de Sanidade tamén decretou o peche sanitario do local tras detectar varias deficiencias e incumprimentos das súas condicións hixiénico-sanitarias.

De forma paralela á vía penal, o Concello de Poio mantivo aberta a vía administrativa, impuxo multas coercitivas e continuou tramitando as medidas necesarias para facer cumprir a legalidade con novos decretos de peche e precintado.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora