Fundación Amigos de Galicia realizou 2.455 atencións e 327 insercións laborais na comarca en 2022

Pontevedra
13 de xaneiro 2023

A oficina da entidade situada na Rúa Javier Puig de Pontevedra xestiona un elevado número de ofertas de emprego, atopándose con dificultades para cubrir postos no sector de hostalería e operarios de fábrica por requisitos de experiencia previa e dificultades de desprazamento por parte das persoas demandantes

Departamento de orientación laboral da Fundación Amigos de Galicia
Departamento de orientación laboral da Fundación Amigos de Galicia

O departamento de Orientación Laboral da comarca de Pontevedra da Fundación Amigos de Galicia fai balance da súa actividade ao longo de 2022. Durante este período acometeron 2.455 atencións e 327 insercións laborais, elevando a cifra na provincia a 5.854 atencións e 1.042 insercións.

Na oficina situada en Pontevedra, na Rúa Javier Puig, xestionouse un elevado número de ofertas de emprego, segundo a entidade. As dificultades que se atoparon para cubrir postos no sector de hostalería e operarios de fábrica por requisitos de experiencia previa e dificultades de desprazamento por parte das persoas demandantes.

Desde a Fundación lembra que este servizo gratuíto atópase ao dispor de calquera persoa de Galicia interesada na procura de emprego. Traballan na orientación, formación e mediación destinada a persoas con dificultades de acceso ao emprego achegándoas ao mercado laboral a través de itinerarios personalizados de inserción laboral.

As persoas interesadas deberán encher un formulario web para darse de alta como demandantes de emprego. As empresas e entidades que teñan interese en ofertar unha vacante deberán cubrir o seguinte formulario para facela chegar a máis persoas a través das redes sociais da Fundación Amigos de Galicia, tanto na súa web como no seu boletín oficial semanal de ofertas de emprego.

A Fundación agradece a colaboración de empresas e da Xunta de Galicia nesta iniciativa, que se desenvolve con subvencións de concorrencia competitiva, a través da Dirección Xeral de Inclusión social.