A futura residencia de maiores de Carballedo avanza "a bo ritmo"

Cerdedo Cotobade
02 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:04

O proxecto, cun investimento próximo aos 4 millóns de euros, ofrecerá 59 prazas residenciais e un centro de día, ademais de xerar unha vintena de empregos

Visita ás obras da residencia de Carballedo
Visita ás obras da residencia de Carballedo / Concello de Cerdedo-Cotobade

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, visitaron este venres as obras da futura residencia da terceira idade e centro de día de Carballedo, un proxecto estratéxico que marcará un antes e un despois na atención ás persoas maiores do municipio.

Durante a visita, o rexedor destacou o "bo ritmo de execución dos traballos", que avanzan con normalidade tras completarse as actuacións previas necesarias para garantir a viabilidade do proxecto. Entre elas, o soterramento dunha liña eléctrica que atravesaba o terreo, unha intervención crave para desbloquear a construción do complexo e financiada cunha achega da Xunta de Galicia de máis de 134.000 euros.

A nova residencia e centro de día supón un investimento global próxima aos 4 millóns de euros, dos cales o Concello achegará 750.000 euros con fondos propios.

O complexo levantarase sobre un conxunto de cinco parcelas cunha superficie total de 10.688 metros cadrados, e incluirá un edificio de 3.304 metros cadrados construídos, organizado en tres módulos.

Na súa primeira fase de funcionamento, a nova infraestrutura ofrecerá 59 prazas residenciais e un centro de día con capacidade para entre 16 e 26 usuarios. O proxecto, ademais, prevé unha futura ampliación que podería duplicar a súa capacidade residencial.

Desde o punto de vista económico e social, a posta en marcha do centro implicará a creación dunha vintena de empregos directos, contribuíndo á dinamización local e á fixación de poboación no municipio. 

O alcalde Jorge Cubela subliñou que esta residencia representa "unha demanda histórica e unha prioridade absoluta para este goberno municipal", porque ofrecerá "unha resposta digna, próxima e de calidade ás necesidades das nosas persoas maiores, á vez que se reforza o carácter social e vertebrador do municipio".

Cubela destacou ademais que este novo equipamento complementará a rede de recursos existentes, consolidando a Cerdedo-Cotobade como un referente comarcal en políticas de atención á terceira idade.