O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade aprobou por unanimidade a cesión do novo transformador e as liñas canalizadas de alta tensión á empresa Eléctrica Moscoso, S.L.
Este acordo, adoptado en pleno extraordinario o 27 de agosto, é un paso determinante para garantir o servizo eléctrico da nova Residencia de Maiores de Carballedo, segundo o Concello.
As instalacións obxecto da cesión están valoradas en 107.994,16 euros máis IVE, e a súa integración na rede de distribución da compañía permitirá o correcto funcionamento e subministro da residencia. Ademais, esta actuación fará posible retirar a liña e os postes das parcelas onde se está a construír a Residencia.
A cesión inclúe unha liña de media tensión subterránea (LMTS) de 20 kV e 435 metros de lonxitude, un centro de transformación de 100 kVA instalado nun edificio prefabricado con todos os elementos necesarios para o seu funcionamento, e unha liña de baixa tensión de 100 metros en canalización soterrada.
A partir da formalización deste contrato, Eléctrica de Moscoso S.L. asumirá a explotación, operación, mantemento, conservación e garantía da calidade da subministración eléctrica destas instalacións, eximindo ao Concello de futuras responsabilidades.
Establécese, ademais, un prazo de garantía de tres anos para posibles defectos de execución ou materiais.
Co cambio de titularidade, as instalacións pasarán a ser propiedade da empresa distribuidora, coa previsión de dar servizo á residencia e permitir futuras conexións doutros usuarios, consolidando así un recurso esencial para a poboación maior do municipio.
O alcalde, Jorge Cubela, destacou que este acordo "supón un paso fundamental para asegurar a posta en marcha da residencia de maiores de Carballedo cun servizo eléctrico estable, seguro e plenamente garantido, unha infraestrutura clave para o noso concello".