A décima edición da gala solidaria en beneficio da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) converteu este venres a Illa da Toxa en punto de encontro de compromiso e apoio á investigación e aos pacientes oncolóxicos.
O evento, organizado polo Grupo Hotusa, contou coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen subliñou na súa intervención a aposta firme do Goberno galego por situar a Galicia "á vangarda dos tratamentos contra o cancro".
Rueda tamén quixo pór en valor o traballo da AECC, que a nivel estatal conta con máis de 1.200 profesionais, preto de 36.000 voluntarios e máis de 700.000 socios.
Lembrou, ademais, que desde 2018 a Xunta triplicou a colaboración coa entidade, destinando estes fondos a programas de apoio directo a persoas con cancro e aos seus coidadores.
Durante a gala, o presidente sinalou que a loita contra o cancro é "unha das prioridades do Goberno galego" e destacou, neste sentido, a construción do Centro de Protonterapia de Galicia, unha infraestrutura punteira que comezará a tratar pacientes o próximo ano, ou o investimento de 120 millóns de euros en alta tecnoloxía en hospitais galegos para combater a enfermidade.
Tamén destacou que a sanidade pública galega conta actualmente con nove vías rápidas para axilizar diagnósticos, así como programas de cribado para a detección precoz de cancro colorrectal, de mama e de cérvix.
Por último, sinalou que o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia ten en marcha cinco liñas de investigación contra tumores gástricos e de páncreas.