Galicia, Asturias e Portugal enfróntanse no Campionato de Sumillería do Carlos Oroza

Pontevedra
14 de marzo 2017

O CIFP Carlos Oroza acolle este xoves, 16 de marzo, a cuarta edición do Concurso de Sumillería 'Suso Domínguez' co obxectivo de por en valor o servizo de sala, o mundo do viño e a formación nas escolas públicas de hostalaría e turismo

Campionato de sumilleres celebrado no CIFP Carlos Oroza
Campionato de sumilleres celebrado no CIFP Carlos Oroza / Deputación de Pontevedra

A cuarta edición do Campionato de Sumillería 'Suso Domínguez' destinado a Escolas de Hostalería de Galicia, Portugal e Asturias celebrarase este xoves 16 de marzo na Escola de Hostalería Carlos Oroza.

Ao evento asistirán Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; a presidenta da Deputación, Carmela Silva e o director xeral de Centros, José Manuel Pinal, entre outras autoridades.

Ás 09.00 horas comezarán as primeiras probas cun cuestionario específico sobre a Denominación de Orixe Monterrei, viños aos que se dedica esta edición. A segunda proba centraranse na identificación de cheiros. 

Ao mediodía, o auditorio da Cidade Infantil Príncipe Felipe converterase no escenario ao que se trasladarán os participantes para identificar un viño de Monterrei entre cinco referencias. A continuación realizarán unha proba de decantación tipo aireado co que finalizarán a súa participación no concurso.

O xurado estará presidido por Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño. Durante o evento haberá unha demostración de corte de xamón a cargo de José Manuel Míguez, gañador do Concurso Nacional de Cortadores de Xamón 2015 e unha demostración de coctelería co protagonismo de Carlos Abilleira, campión galego de cotelería flair en 2016.