Galicia en Común acusa no Congreso á Xunta de tramitar licenzas de obra a Ence malia as sentenzas que anulan a prórroga

Pontevedra
28 de xaneiro 2022

A coalición electoral preguntaba ao Goberno do Estado por estas tramitacións da administración autonómica. O executivo central confirmaba tamén que non recibiu propostas alternativas da empresa Ence nin da Xunta de Galicia para trasladar a fábrica a outra zona fóra da ría de Pontevedra

Fábrica de Ence en Lourizán Mónica Patxot

A formación política Galica en Común presentaba unha pregunta parlamentaria ao Goberno sobre a tramitación que realiza a Xunta de Galicia de licenzas para acometer obras de mellora na planta de Ence que se atopa situada en Lourizán sen ter en conta as tres sentencias que a Audiencia Nacional emitiu anulando a concesión da prórroga realizada polo goberno de Mariano Rajoy en 2016 para manterse na súa actual localización.

Precisamente a empresa pasteira comprometeuse a executar esas obras en 2016 atendendo á prórroga que o Goberno central lle concedera ata 2073. Contaba cun período de dous anos para a súa realización, pero as obras nunca chegaron a emprenderse. Galicia en Común no seu escrito indica que a propia empresa incumpriu os termos da concesión ao non realizar eses traballos.

Antón Gómez-Reino, líder de Podemos en Galicia, afirma que a Xunta permite a Ence facer e desfacer ao seu antollo porque "os intereses son compartidos" e acusa á Xunta de estar a tramitar con normalidade as solicitudes de licenza da empresa para levar a cabo esas melloras ambientais.

O Goberno central tamén confirmou a Galicia en Común que, ata o momento, non recibiu proposta algunha de Ence nin da Xunta de Galicia con alternativas á súa actual localización na ría de Pontevedra. Gómez-Reino advirte ao goberno de Feijóo de que debe buscar unha nova localización para Ence e deixar de tratar de "burlar a legalidade mediante artimañas que non van a ningún lugar". 

A agrupación política xa presentou outras iniciativas ao Goberno sobre a situación da fábrica pasteira, entre elas, preguntou se o Ministerio de Transición Ecolóxica realizou algunha inspección da caldeira de recuperación despois das declaracións do CEO de Ence, Ignacio de Colmenares, alertando da posibilidade dun "susto ambiental maiúsculo".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en