O ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, comprometeuse este luns a estudar as peticións de indulto a seis sindicalistas, condenados todos eles a tres anos de cárcere pola súa participación en diferentes protestas laborais. Entre elas, están Ana Outerelo e Tamara Vidal, que tras ver atrasada a súa entrada en prisión ao paralizarse a execución da súa sentenza reciben outra boa noticia para os seus intereses.
Nun encontro celebrado en Madrid, Gallardón reuniuse cos secretarios xerais de CC.OO e UGT, Ignacio Fernández Toxo e Cándido Méndez respectivamente, aos que lles trasladou que estudará o caso das pontevedresas e dos seus compañeiros de Vigo e Granada, se ben sinalou que deberán analizarse por separado, xa que a Constitución non permite unha política de indultos de carácter xeral.
Méndez e Toxo trasladaron ao ministro de Xustiza a súa preocupación ante o que consideran unha "ofensiva penal" contra o dereito á folga e á liberdade sindical. Recordaron que Fiscalía acumula máis de 120 anos de prisión en solicitudes de penas ante xulgados de diferentes provincias para traballadores e sindicalistas pola súa participación en protestas laborais. Esixen que o Ministerio actúe que ninguén entre en prisión "por desarrollar actividad sindical".
Neste sentido, Ruíz Gallardón negou que exista unha instrución por parte da Fiscalía Xeral do Estado para actuar contra os traballadores e que se os xuíces coincidiron nas súas sentenzas, será "fruto de su propia reflexión".
O ministro de Xustiza non quixo establecer unha data exacta sobre cando poderá estar lista a resposta a esta petición de indulto, aínda que indicou que o tempo que se tarda en resolver estes trámites está entre un e tres meses. Neste sentido, non quixo anticipar cal será a proposta que o Ministerio remitirá ao Consello de Ministros sobre o caso, aínda que admitiu que é certo que "non hai violencia".