O sindicato CIG realizaba este martes 15 unha concentración de representantes sindicais ante a Subdelegación do Goberno para reclamar unha saída galega xusta da crise. Desde esta central entenden que as medidas adoptadas polo goberno do Estado e da Xunta son insuficientes para establecer unha recuperación económica e social.
As concentracións realizáronse nas sete grandes cidades e tamén noutros municipios como Vilagarcía. Forma parte da campaña en que este sindicato demanda políticas que non terminen ocasionando un roubo á clase traballadora e piden un plan económico, industrial e de creación de emprego digno dentro da comunidade.
O máximo representante da CIG Paulo Carril afirma que a actual situación atópase marcada polos ERTE, os despedimentos colectivos, modificación das condicións de traballo ou os procesos de dixitalización da economía que provocan un incremento do desemprego e da pobreza laboral.
Lamenta as políticas neoliberais aplicadas durante os últimos anos e teme que se incremente esta posición ante as ordes do capital e da Unión Europea ao establecer receitas duras no terreo laboral para acceder aos fondos europeos.
Esta central pide que se derroguen as reformas laborais e unha nova lexislación que restitúa os dereitos que entenden quitáronse ás clases traballadoras para evitar as novas formas de explotación laboral.