Globos de cores para destacar a importancia da Atención Primaria na celebración do seu Día Mundial

Sanxenxo
12 de abril 2023

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo visibilizaba cos globos a necesidade de reforzar con persoal os centros de saúde de Vilalonga e Baltar. Denuncian demora de atención de semanas nestes centros sanitarios e reclaman o carácter participativo e comunitario da Atención Primaria para mellorar a atención dos pacientes

A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo reivindica o Día Mundial de Atención Primaria
A Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo reivindica o Día Mundial de Atención Primaria / Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo

Este 12 de abril celébrase o Día Mundial da Atención Primaria e a Plataforma SOS Sanidade Pública Sanxenxo quixo destacar a importancia deste servizo sanitario coa instalación dunha árbore de globos de cores nos centros de saúde de Vilalonga e de Baltar.

Os globos presentábanse coas cores vermella, branca e azul. Correspondéndose coa imaxe do sangue que dá a vida entre as cores da bandeira de Galicia.

Lembran desde SOS Sanidade Pública que as propostas da Organización Mundial da Saúde son recollidas na Iniciativa Lexislativa Popular para salvar e fortalecer a Atención Primaria, que será debatida no Parlamento de Galicia. Segundo este colectivo, a actual política sanitaria da Xunta de Galicia céntrase no desmantelamento de Atención Primaria recortando orzamento e persoal.

Sinalan que en 2019 traballaban tres pediatras no Centro de Saúde de Baltar, mentres que agora só hai un profesional para atender pacientes infantís. Advirten de que moitos destes pacientes son derivados a Cambados, ao Hospital Provincial ou aos médicos de familia. 

Apuntan tamén que "é rara a semana que non existan prazas sen cubrir de persoal por ausencias, ben sexa de enfermería ou medicina familiar. Estas ausencias repercuten na demora de atención de semanas e tamén de aumentar a carga do persoal dispoñible no centro de saúde". A Plataforma tamén lembra que o centro de saúde de Vilalonga leva meses cun só facultativo con dobre carga asistencial por unha baixa de longa duración. 

Piden incrementar o orzamento ata o 25% do total sanitario, recuperar e incrementar os persoais de persoal, incorporar novas categorías profesionais aos equipos, mellorar a dotación dos centros de saúde e PAC. Queren que a Atención Primaria recupere o seu carácter participativo e comunitario para garantir unha atención integral.