A Xunta Local de Seguridade de Pontevedra reuniuse este luns no Concello nun encontro no que participaron representantes da Policía Local, da Policía Nacional e da Garda Civil, baixo a presidencia da alcaldesa en funcións e responsable de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, xunto co subdelegado do Goberno na provincia, Abel Losada.
A sesión serviu para facer balance da situación en materia de seguridade no municipio e avanzar na planificación dos dispositivos previstos para grandes eventos dos vindeiros meses.
Durante a reunión, o subdelegado expuxo os datos oficiais do Ministerio do Interior relativos á evolución da delincuencia.
Segundo explicou, ao excluír os ciberdelitos por non teren impacto directo na seguridade nas rúas e ao non ter en conta o período da pandemia pola súa excepcionalidade, obsérvase unha diminución da criminalidade convencional do 6%.
En termos absolutos, pasouse de 2.515 infraccións penais en 2019 a 2.353 no horizonte de 2025, o que, ao seu xuízo, desminte calquera tendencia á alza.
Desde a Subdelegación do Goberno cuestionouse o discurso do Partido Popular, ao que se acusou de contribuír a xerar unha percepción de inseguridade afastada dos datos reais.
Pola contra, defendeuse o labor das forzas e corpos de seguridade, destacando que na actualidade os cadros de persoal están practicamente completos.
No mesmo sentido, tamén se puxo o acento en que determinadas situacións visibles no espazo público, vinculadas a persoas con problemas de exclusión ou adiccións, non responden a un incremento da inseguridade cidadá, senón que requiren unha abordaxe máis ampla, con intervencións de carácter social e xudicial ademais da policial.
Pola súa banda, Eva Vilaverde rexeitou as críticas da oposición sobre o estado das rúas, cualificando de “catastrofista” un relato que, segundo indicou, non se corresponde coa realidade diaria da cidade.
A concelleira defendeu o modelo urbano de Pontevedra, dixo, centrado en garantir a seguridade e, ao mesmo tempo, mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Violencia de xénero
Un dos puntos nos que máis incidiu a Xunta Local de Seguridade foi na violencia de xénero, que cualificou como o principal reto en materia de seguridade.
Segundo os datos analizados na reunión, o sistema VioXén rexistra actualmente 126 casos activos no municipio, a maioría deles catalogados como de risco baixo, aínda que tamén hai dous de risco alto e 19 de risco medio.
Ademais, existen 108 ordes de protección en vigor.
Vilaverde salientou a coordinación entre Policía Nacional e Policía Local na protección das vítimas e reclamou centrar esforzos nesta problemática.
Finalmente, a Xunta Local de Seguridade abordou a preparación do operativo especial para a gran final das Series Mundiais de Tríatlon, prevista entre o 24 e o 27 de setembro.
O Concello xa elaborou un documento coas necesidades organizativas dun evento que mobilizará arredor de 1.000 persoas e que contará cun dispositivo específico coordinado entre as distintas forzas de seguridade.