O portavoz do Partido Popular no Concello de Pontevedra, Rafa Domínguez, reclamou a elaboración dun plan urxente de reforzo da seguridade na cidade despois de que en menos dunha semana se rexistraran dúas agresións graves no centro urbano.
O PP cita o ataque de carácter homófobo ocorrido días antes no centro histórico e unha "brutal agresión sufrida por unha moza na zona de Barcelos" e que tivo lugar, segundo consta na denuncia presentada ante a Policía Nacional, o venres 6 de marzo, ao redor das 21 horas, cando unha menor de 13 anos foi atacada por catro chicas e un mozo da mesma idade que lle deron puñadas, patadas e arrincáronlle varios guechos de pelo.
A agresión foi gravada por outros mozos que facían círculo acirrando a acción e posteriormente difundírona en redes sociais. As atacantes vestían o uniforme dun colexio concertado da cidade.
O dirixente popular considera que estes episodios obrigan ás institucións a reaccionar con rapidez para evitar que situacións similares se repitan.
Ao seu xuízo, o Concello debe analizar de forma inmediata que factores puideron influír nestes feitos e adoptar medidas concretas para reforzar a prevención.
"A seguridade non pode esperar", sostivo, á vez que defendeu a necesidade de liderado institucional cando se producen incidentes desta gravidade.
Domínguez expuxo que o plan inclúa un reforzo da presenza policial nos espazos onde se concentra a actividade nocturna, así como unha reorganización das quendas e do dispositivo de vixilancia para prestar especial atención aos puntos que rexistran máis incidencias. Neste sentido, lembrou que a praza de Barcelos xa fora escenario meses atrás dunha pelexa entre bandas.
Ademais do aumento de patrullas, o portavoz popular propón activar ferramentas de prevención e vixilancia que permitan detectar situacións de risco antes de que deriven en agresións. Entre as medidas que reclama figuran unha maior coordinación entre a Policía Local e o Corpo Nacional de Policía, así como a revisión dos dispositivos de seguridade en determinadas zonas urbanas.
O dirixente do PP tamén puxo o foco na situación interna da Policía Local. Segundo sinalou, o corpo atravesa un momento delicado marcado por solicitudes de traslado de axentes e conflitos internos que terminaron nos tribunais, despois de que unha axente denunciase ao seu superior por presunto acoso.
Para Domínguez, mellorar a seguridade da cidade pasa tamén por reforzar e apoiar aos profesionais encargados de garantila. "Unha cidade segura necesita unha policía motivada, apoiada e con medios suficientes", afirmou.
O portavoz popular insistiu en que Pontevedra debe seguir sendo unha cidade tranquila e con altos niveis de convivencia, pero advertiu de que esa situación só poderá manterse se o goberno municipal recoñece os problemas e actúa con anticipación. "Non se trata de reaccionar cando os feitos xa ocorreron, senón de previlos", concluíu.