O Goberno galego critica a "inexplicable desidia do Estado", que impide a dragaxe do Lérez

Pontevedra
29 de xullo 2025

Portos de Galicia continúa agardando a resposta do Ministerio despois de remitir en abril o informe definitivo do Cedex en relación á proposta dos puntos onde descargar os lodos retirados nas dragaxes

Río Lérez coa marea baixa á altura dos terreos de Tafisa
Río Lérez coa marea baixa á altura dos terreos de Tafisa / Mónica Patxot

A Xunta lamenta "o bloqueo do Goberno central á tramitación da dragaxe do río Lérez" dado que se continúa á espera da autorización dos puntos de depósito dos áridos por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco).

Despois de que o Partido Popular anunciase este luns unha iniciativa para que a Deputación esixa ao Executivo que preside Pedro Sánchez que busque solución inmediata á dragaxe do Lérez, este martes o Goberno galego criticou nun comunicado a "inexplicable desidia do Estado".

A Xunta denuncia que a situación que sofre a dragaxe do Lérez é extensible a 16 obras de dragaxe no litoral sur da comunidade pola decisión trasladada en abril de 2021 de non autorizar máis vertidos no exterior de Sálvora, que paralizou a tramitación de todas as dragaxes do sur de Galicia.

O pasado mes de abril Portos de Galicia remitiu ao Miteco o informe técnico definitivo do CEDEX, organismo técnico de recoñecido prestixio dependente do Goberno central, en relación á proposta de puntos de depósito dos áridos procedentes das dragaxes das Rías Baixas, nomeadamente a do Lérez.

Así, mantén nas súas conclusións o punto E8 situado nas inmediacións da illa de Sálvora, como "alternativa prioritaria".

Tamén introducía como novidade que "sería adecuado propoñer un enfoque individual en cada proxecto". 

A Xunta destaca que este documento está sustentado no traballo de campo realizado pola comisión integrada por Portos de Galicia, as Autoridades Portuarias do Estado en Galicia e o propio CEDEX ao longo dos últimos catro anos para elaborar o estudio de alternativas solicitado polo Miteco no momento da clausura do punto E8 en 2021.

Desde a Administración autonómica recordan que o pasado 24 de xullo celebrouse unha reunión na que participaron representantes do Miteco, Portos do Estado e Portos de Galicia, na que o Centro de Estudios de Portos e Costas, dependente do Cedex, presentou o estudo de alternativas realizado "sen que se traducira en avances concretos no proceso de autorización", competencia exclusiva do Ministerio.

Neste contexto, a Xunta critica a "inexplicable desidia do Estado que impide iniciar a tramitación ambiental e posterior licitación das obras de dragaxe do Lérez", que contan cun orzamento de 3 millóns de euros, así como dos 16 paralizados ao sur da ría de Muros.

O Goberno galego resalta o prexuízo causado aos intereses do sector portuario da ría de Pontevedra cunha espera de máis de catro anos para que o Ministerio estableza alternativas onde depositar os áridos das dragaxes previstas.