Este ano 2025 será "terriblemente inversor" no concello de Pontevedra, segundo augura o concelleiro de Facenda, Raimundo González.
Nunha rolda de prensa celebrada este mércores, o responsable en materia económica do goberno local informou dos detalles do orzamento municipal para o presente exercicio, cuxa aprobación definitiva se espera para o pleno do próximo luns día 17 de febreiro.
Segundo detallou Raimundo González, as contas municipais contemplan 12,5 millóns de euros para investimentos, unha cantidade "aparentemente non moi significativa", como el mesmo recoñeceu xa que apenas chega ao 15% do orzamento.
Con todo, o Concello de Pontevedra licitou, ou ten pendentes deste trámite, "obras para as que non temos consignación pero si que hai financiamento", indicou o edil.
Trátase de proxectos que corren a cargo de fondos da Unión Europea(como as reformas do edificio de Churruchaos, a do antigo conservatorio, a da Rúa da Santiña, o campo de fútbol de Salcedo ou a Zona de Baixas Emisións, entre outras) ou da Deputación provincial (como o viario de Mollavao ou a pasarela de 12 de Novembro).
Tamén están as obras que se inclúen no canon que ten que pagar Viaqua. Isto é, cando o Concello de Pontevedra adxudicou a esta empresa o contrato da auga para os próximos 20 anos por 110 millóns, Viaqua comprometeuse a executar obras por valor de 58 millóns de euros nun prazo de tres anos e, ao mesmo tempo, a pagar un canon de case oito millóns.
Con cargo a este canon o Concello financiará obras como a renovación da rede de saneamento na rúa Casimiro Gómez ou unha parte dos traballos para liberar ao río Gafos da cuberta ao seu paso polo barrio de Campolongo.
A maiores, estes proxectos financiados por fóra do orzamento municipal suman 9.488.000 euros co que, en total, o conxunto dos investimentos para este ano alcanza os 22.811.000 euros.
"A conclusión, é que vai ser este 2025 un ano terriblemente inversor por parte do Concello", declarou o concelleiro de Facenda.
Os investimentos máis importantes neste orzamento, segundo destacou Raimundo González, son a renaturalización do río Gafos e o Parque da Parda, ademais doutras de menor contía como os proxectos de mellora da accesibilidade no rural e na zona urbana, melloras de eficiencia enerxética na zona leste da cidade ou as reformas nas rúas Pasantería e o novo parque da Rúa Serra.
"E todo isto, nun contexto de conxelación de taxas e impostos por décimo ano consecutivo", recalcou. "E cunha débeda de 6.990.138,20 euros", engadiu.
GASTOS CORRENTES
O concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo González, compareceu este mércores en rolda de prensa para dar conta da aprobación en Xunta de Goberno Local do anteproxecto de orzamento xeral do Concello para este 2025.
Tal e como lembrou o edil, o orzamento para este ano ascende a 98.632.000 euros, o que vén a significar un aumento próximo aos 4 millóns de euros, en comparación ao exercicio orzamentario do pasado 2024 (un + 4,12 %).
O apartado que máis sube é o apartado de bens e servizos, ou o tamén chamado gasto corrente. Aparecen aquí recollidos os Feroz ou o Multisport de Triatlón ou o incremento nas Festas de 263.000 euros, ou o mantemento de determinados bens municipais coma o mantemento dos centros sociais, as rozas dos camiños, etcétera.
Outro dos aspectos de gasto corrente que sube estaría relacionado cos residuos e o novo contrato para a súa xestión, o canon de Sogama ou o novo servizo de información bidireccional.
No apartado de subvencións e transferencias, que ve aumentada a súa contía, sitúanse elementos coma Culturgal, o Coche de Punto ou as subvencións para o mantemento das gardarías da Xunta, amais das axudas deportivas.