O Concello de Sanxenxo estableceu un sistema de rotación de aparcadoiro que, segundo sinala o goberno local, permite multiplicar por nove as prazas dispoñibles nas zonas máis céntricas e comerciais do municipio.
O goberno de Telmo Martín afirma que Sanxenxo mantén a gratuidade da zona azul durante a tempada estival, facilitando o estacionamento a residentes e visitantes entre as 9 e as 21 horas.
O sistema de rotación, iniciado en 2019, permite que onde antes aparcaba un só vehículo durante todo o día, agora poidan estacionar até oito coches diferentes durante o horario diúrno, cun tempo máximo de hora e media por vehículo, máis un noveno coche durante a noite.
Segundo os cálculos municipais, a medida transforma as 1.200 prazas existentes nas rúas céntricas en 10.800 oportunidades de aparcamento.
Para este verán de 2025, o goberno municipal incrementou a zona azul a catro novas rúas e habilitou espazos adicionais, destacando o solar do futuro mercado de Sanxenxo, con capacidade para 38 coches e 6 motos, que grazas á rotación permitirá o estacionamento de 396 vehículos.

Tamén se abriu unha nova rúa desde a rotonda do hotel Terraza, engadindo 60 prazas máis.
Entre os espazos que experimentan un maior incremento de capacidade destacan a rúa Espiñeiro en Portonovo, que pasa de 54 a 486 prazas grazas á rotación, o terreo da Florida, que aumenta de 22 a 198, e as rúas Emilia Pardo Bazán e Poetas Galegos en Sanxenxo, que suman 192 e 168 novas prazas respectivamente.
Ademais da zona azul, o Concello lembra que habilitou nos últimos anos varios aparcadoiros complementarios sen limitación de tempo no centro de Sanxenxo e Portonovo, sumando 1.350 prazas adicionais en terreos situados na Rúa Vigo, xunto ao mercado provisional, a nova igrexa, a gardaría O Tombo, fronte ao mercado de Portonovo, na rúa da Perla, no varadeiro e en Baltar.