Descobren a un veciño de Sanxenxo conducindo sen permiso tras facer un "sinpa" no aparcadoiro de Nauta

Sanxenxo
16 de febreiro 2025

Ao consultar as cámaras de seguridade os axentes puideron comprobar a matrícula do vehículo, identificado á súa vez ao condutor investigado

Axentes municipais comprobando a gravación das cámaras de seguridade
Axentes municipais comprobando a gravación das cámaras de seguridade

A Policía Local de Sanxenxo instrúe dilixencias penais contra un veciño da localidade por presuntamente conducir un vehículo cunha suspensión xudicial vixente.

O ocurioso deste caso é como descubriron os axentes municipais a este condutor.

Segundo explicaron desde o Concello de Sanxenxo, este veciño fixo un "sinpa" no aparcadoiro público Nauta Sanxenxo. É dicir, marchouse do aparcadoiro sen pagar o servizo.

Os feitos tiveron lugar na madrugada do sábado cando os responsables do aparcadoiro do porto de Sanxenxo alertaron á Policía Local de que un vehículo abandonara as instalacións sen abonar a taxa correspondente.

Os axentes acudiron ao lugar en calidade de Policía Xudicial tras o aviso dos responsables do estacionamento.

Ao consultar as cámaras de seguridade os axentes puideron comprobar a matrícula do vehículo, identificado á súa vez ao condutor investigado.

A pena por conducir un vehículo co permiso ou licenza suspendidos por decisión xudicial é de 3 a 6 meses de prisión ou multa de 12 a 24 meses ou traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.