O Goberno expresa o "máximo respecto" pola cidadanía que se manifesta "contra o xenocidio" ao paso de La Vuelta

Pontevedra
08 de setembro 2025
Actualizado: 17:06

Abel Losada manifestou que "aplaudimos as protestas pacíficas", pero advertiu que as forzas e corpos de seguridade actuarán "ante calquera acción que poña en perigo a seguridade"

Manifestantes propalestinos protestan durante a décimo quinta etapa de La Vuelta
Manifestantes propalestinos protestan durante a décimo quinta etapa de La Vuelta / EFE/ Eliseo Trigo

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, expresou este luns o seu "máximo respecto" cara á cidadanía que está a aproveitar o paso de La Vuelta a España pola provincia para manifestarse "cívicamente contra o xenocidio que Israel está a perpetrar en Gaza".

A etapa 16 da competición ciclista, que transcorrerá entre Poio e Mos, vén marcada pola previsión de protestas en apoio ao pobo palestino.

Losada subliñou que estas mobilizacións se están levando a cabo "sen pór en perigo a seguridade da caravana ciclista" e manifestou sentirse "orgulloso" da actitude da cidadanía. "Comparto plenamente os valores da inmensa maioría do pobo español que se está a manifestar estes días nas estradas do noso país, no exercicio dos seus dereitos nun Estado democrático como o noso", afirmou.

O representante do Executivo fixo tamén un chamamento á responsabilidade, pedindo aos manifestantes que "non consintan que grupos organizados, que están a protagonizar actos ou conatos de violencia, ensucien a imaxe que España está a dar ao mundo".

Losada lembrou que o Goberno de España recoñeceu oficialmente ao Estado de Palestina en maio de 2024, un paso que, segundo dixo, demostra a "coherencia e valentía" do Executivo. Ademais, asegurou que o Goberno condenou en reiteradas ocasións as violacións de dereitos humanos en Gaza, trasladando esta mensaxe "mesmo ao propio presidente Netanyahu".

Neste sentido, o subdelegado mencionou as nove "medidas contundentes" anunciadas este luns polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, como unha mostra do compromiso de España cos dereitos humanos e o seu rexeitamento "sen paliativos" ao xenocidio na Franxa de Gaza.

Para concluír, Losada recalcou que "aplaudimos as protestas pacíficas", pero advertiu que as forzas e corpos de seguridade do Estado estarán despregados durante toda a xornada e actuarán "ante calquera acción que poña en perigo a seguridade da carreira".

POSTURA DO PSOE LOCAL

O PSOE de Pontevedra emitiu un comunicado este luns no que "condena" a participación na Volta dun "equipo meramente instrumental do Goberno de Israel", que insisten en que "non ten nada que ver coa competición deportiva", senón que foi concibido única e exclusivamente como "instrumento de propaganda política para branquear internacionalmente os asasinatos e o xenocidio do Goberno de Benjamin Netanyahu en Palestina".

"Sentimos impotencia e vergoña de que a organización da Volta préstese a tal fin e de que as rúas de Pontevedra, a nosa casa, poida servir de escenario para esta repugnante operación de Israel en termos democráticos e humanitarios", lamentan.

Os socialistas pontevedreses reclaman que a organización da Volta "non sexa máis tempo cómplice de todo isto" e "expulse con carácter inmediato" ao equipo Israel-Premier Tech da competición, pola súa "apoloxía de valores antidemocráticos, como son o terrorismo de estado e a violación constante dos dereitos humanos".