Para o goberno municipal de Pontevedra, a actitude de Rafa Domínguez tras o pleno deste luns, instando á Fiscalía a investigar como delito de odio o veto a Israel na cidade, é "absolutamente despreciable" e é froito dun "autentico pro-sionista".
"Ata nas mañas e na maneira de actuar é exactamente igual que calquera pro-sionista, igual que Trump ou calquera outro", censurou a tenente de alcalde, Eva Vilaverde, que considera que Domínguez "actúa coa mesma agresividade e violencia".
Sostivo que o líder do PP dedicouse a "ameazarnos" ou a insistir nas consecuencias legais da decisión adoptada por BNG e PSOE e mesmo, lembrou, "chamounos xenófobos e racistas e comparounos cos nazis".
E todo iso, segundo Vilaverde, simplemente "por defender ao pobo palestino e a súa dignidade e por tentar, polos medios que sexan de presión, que se pare esta barbarie".
"É incapaz de chamarlle ilegal ou xenocida a Netanyahu ou ao Estado israelí, pero é capaz de chamárnolo a nós que xusto defendemos o contrario", lamentou a edil nacionalista, que considera que o PP tiña "claro e decidido" antes do pleno que non apoiaría a Palestina.
Os populares, afirmou a tenente de alcalde, "en ningún caso" ían condenar o xenocidio de Israel sobre Palestina, algo que quedou de manifesto, ao seu xuízo, coas "barbaridades" que o seu portavoz pronunciou nunha sesión plenaria na que "se negou a chegar a ningún acordo".
Con respecto á hipotética intervención da Fiscalía, para investigar ese delito de odio que suxería o máximo responsable do PP pontevedrés, Eva Vilaverde asegurou que ao goberno municipal "o que menos nos produce é inquietude".
Vilaverde apuntou que se ao BNG ou ao goberno municipal de Pontevedra alguén lles acusa dun delito de odio por defender ao pobo palestino "benvido sexa e a moita honra".
A tenente de alcalde reiterou que a vontade política do executivo municipal "está clara". Non acoller no termo municipal de Pontevedra ningún evento no que participe o "Estado criminal" de Israel ou alguén que lles represente, que publicite ou blanquee a masacre.

"Ímolo facer por todos os medios que poidamos", engadiu a concelleira do BNG, que confía en que "tal e como está a evolucionar" a postura internacional sobre Palestina sexan xa as autoridades deportivas as que acaben expulsando a Israel das súas competicións.
O goberno municipal non contempla "a estas alturas" que o Comité Olímpico Internacional poida "seguir negándose" a prohibir a participación dun "estado xenocida", igual que no seu día se vetou a presenza de Rusia e Bielorrusia tras a invasión de Ucraína.
En todo caso, chegado o momento, o Concello fará "todo o que estea nas nosas mans" para que Pontevedra non acolla calquera evento "onde participe representado o Estado de Israel", para o que se estudará a mellor fórmula xurídica ou administrativa para impedilo.