Gonzalo Caballero di que o "fracaso" da Xunta na xestión sanitaria "amosa que temos un goberno de chapuza"

O Salnés
14 de agosto 2021

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado Vilagarcía de Arousa xunto ao seu alcalde e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela e, dende alí, criticou o "fracaso" na xestión sanitaria da Xunta

Alberto Varela e Gonzalo Caballero
Alberto Varela e Gonzalo Caballero / PSdeG-PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado Vilagarcía de Arousa xunto ao seu alcalde e presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela e, dende alí, criticou o "fracaso" na xestión sanitaria da Xunta.

O líder do PSdeG censurou a "inacción, deixadez e incapacidade" do Goberno galego e citou como exemplo a saturación da Atención Primaria, o colapso da web de autocitas do Sergas, a rectificación polo conflito das vacinas e a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que "amosa que temos un goberno de chapuza".

O dirixente socialista sinala que "o goberno do PP non está a altura das circunstancias" e "meteu nun limbo á hostalaría"."A consellería de Sanidade está superada pola realidade e non sabe que facer", sentenciou.

Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía lamentou a "falla de diálogo e interlocución" por parte da Xunta cos concellos, xa que "somos nós o principal eixo de control de todas as medidas sanitarias".