Gonzalo Pita reitera á Xunta a petición de reforma dos treitos urbanos da PO-308

Sanxenxo
04 de setembro 2015

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, demandou por segunda vez dende que deu comezo esta lexislatura a urxencia de que a administración autonómica elabore un proxecto de actuación nos tramos urbanos da PO-308, concretamente na rúa Progreso e na circunvalación a Portonovo

Gonzalo Pita e José Manuel Cores Tourís revisando o estado da PO-308
Gonzalo Pita e José Manuel Cores Tourís revisando o estado da PO-308 / Concello de Sanxenxo

O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, demandou por segunda vez dende que deu comezo esta lexislatura a urxencia de que a administración autonómica elabore un proxecto de actuación nos tramos urbanos da PO-308, concretamente na rúa Progreso e na circunvalación a Portonovo.

Gonzalo Pita insiste en que se trata dunha actuación que "debería estar realizada hai xa máis dun lustro" e en que a situación da estrada é agora "insostible".

Aínda que o alcalde aspira a que a Xunta acelere unha actuación global neste vial, que inclúa a substitución das canalizacións, das beirarrúas actuais e, por suposto, a renovación do firme, pediu o delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, que mentres non se poida concretar este proxecto medie ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que acometa unha intervención puntual no trazado.

O alcalde referiu dous tramos que son especialmente urxentes. Un deles está situado na rúa Progreso, dende a altura de Correos ata o paso de peóns da Florida. É este pequeno tramo o que acumula máis deficiencias no firme, con fochas e desniveis que dificultan o tráfico rodado.

"Esta é unha das arterias principais de acceso a Sanxenxo e atravesa o casco urbano. Concentra volume de tráfico suficiente como para xustificar que a Xunta tivera feito xa unha actuación urxente, que nós imos a seguir reivindicando porque entendemos que é prioritaria", explicou o rexedor do municipio.

Ademais, tamén demandou colaboración do delegado territorial para trasladar á Consellería outra actuación urxente, e no mesmo sentido, dende a rotonda de Baltar ata a de Arnelas.