Gonzo chama os pontevedreses a doar comida na Gran Recollida Solidaria do Banco de Alimentos

Pontevedra
26 de novembro 2016

O popular reporteiro estivo durante a tarde deste venres no Hiper Froiz de Cobián Roffignac axudando a recoller os alimentos que deixaban os cidadáns dentro da campaña de recollida que ten en marcha a ONG

Gonzo participa na Gran Recollida Solidaria no Hiper Froiz
Gonzo participa na Gran Recollida Solidaria no Hiper Froiz / Banco de Alimentos de Vigo
Gonzo pide aos pontevedreses que colaboren coa Gran Recollida de Alimentos /

O reporteiro vigués Fernando González "Gonzo", coñecido pola súa participación no programa 'El Intermedio' de La Sexta, recolleu alimentos durante a tarde deste venres no supermercado Hiper Froiz de Cobián Roffignac de Pontevedra, acompañado de responsables da ONG e dun grupo de voluntarios do Banco de Alimentos dentro da campaña deste ano.

Gonzo fixo un chamamento á participación dos pontevedreses durante esta fin de semana para remediar "un pouco" a situación "de non poucas familias da provincia de Pontevedra" que non dispoñen de recursos.

O popular reporteiro axudaba "in situ" nos labores de recepción de comida no interior do hipermercado. Gonzo convidou os cidadáns a que se poñan no lugar do que non ten recursos e, deste xeito, colaboren durante esta Gran Recollida Solidaria que se celebra este venres e o sábado.

O presidente da ONG, Pedro Pereira, e do responsable do almacén do Banco de Alimentos en Pontevedra, José Luis Doval, acompañaron o padriño desta campaña, que indicou que "por desgraza" todos temos preto "algún familiar, algún veciño ou algún amigo que precisa axuda".

Pedro Pereira indicou que contar cunha cara coñecida en accións deste tipo sempre supón unha gran axuda para obter repercusión mediática e agradeceu que Gonzo non tivese ningunha dúbida cando llo propuxeron.

Nesta campaña colaboran 1.700 voluntaros e o obxectivo é igualar, polo menos, os máis de 300.000 quilos de alimentos conseguidos durante a edición pasada para axudar a 25.000 persoas con dificultades. A ONG Banco de Alimentos entrega unha media de 4.000 quilos de alimentos ao día.

Gonzo será o protagonista do programa 'Cara a Cara' de PontevedraViva Radio a vindeira semana. Non esquezades escoitar as súas interesantes reflexións. Aquí tedes un avance.