RADIO.- Fernando González, Gonzo: "Cando a sociedade é a que ten que falar, os políticos están máis atentos"

Pontevedra
01 de decembro 2016

Mellorar a sociedade en que vivimos é tarefa de todos. Acaba de exercer de embaixador na Gran Recollida 2016 do Banco de Alimentos. Unha invitación que aceptou con agradecemento, do mesmo xeito que doutras ás que tamén se sumou. Considera que o seu recoñecemento profesional, vén da sociedade "e non nos custa nada devolver ese recoñecemento". A pé de supermercado, atendía a PontevedraViva Radio para este Cara a cara.

Fernando González González, Gonzo
Fernando González González, Gonzo / Mónica Patxot

Antes da crise, ata 2008 ou 2009, o perfil de solicitante das axudas do Banco de Alimentos, era o persoas ou familias inmigrantes, en situacións de exclusión ó de risco. Nos últimos anos, ese perfil cambiou e trátase de familias perfectamente estruturas, pero que ao perder os seus empregos deixaron de ser autosuficientes.

"Os que antes eran doantes, agora están entre os receptores". Así de crúa e así de certa é a realidade actual en palabras de Fernando González González, Gonzo, xornalista vigués que coñecemos na pequena pantalla a través de Caiga Quien Caiga, El Método Gonzo e actualmente en El Intermedio de laSexta.

Aproveitando a súa estancia o pasado venres 25 de novembro en Pontevedra, como embaixador do Banco de Alimentos na súa Gran Recollida 2016, puxémoslle diante o micrófono de PontevedraViva Radio para este Cara a Cara. Charlamos de espírito solidario, de xornalismo, de política e de políticos.

Durante a súa traxectoria profesional tivo que lidar coa clase política, e está bregado no xornalismo social: "teño a sorte de traballar no Intermedio, que che permite un pilar básico do xornalismo: dar voz a quen non a ten. Ás veces é máis efectivo darlle voz a quen ten algo que dicir, que facerlle chegar a mensaxe a quen ten que escoitalo e logo non fai nada". A súa conclusión é que "cando a sociedade é a que ten que falar, os políticos están máis atentos".