O Entroido xa ten marcada a súa cita principal no calendario de Meis. O sábado 14 de febreiro, as rúas do municipio encheranse de cor e música coa celebración do Gran Desfile de Entroido 2026.
A organización preparou unha xornada que arrancará ás 17:00 horas dende os exteriores do Pavillón Municipal de Deportes, aínda que os participantes deberán estar listos e situados media hora antes para recoller os seus dorsais e organizar a comitiva.
A comitiva avanzará pola Avenida de Cambados e a rúa Rampa da Feira ata chegar á Praza de España (Campo da Feira do Mosteiro).
Na Praza de España tamén terá lugar o momento máis agardado: o fallo do xurado e a entrega de premios, que estará acompañada pola animación de Master Discoteca Móbil.
Na modalidade de adultos, os grupos (de polo menos seis persoas) poderán optar a un primeiro premio de 300 euros, mentres que as parellas e individuais terán galardóns de ata 120 e 80 euros respectivamente.
Os grupos infantís contan cun primeiro premio de 200 euros e os individuais de 4 a 14 anos recibirán ata 50 euros.
Para os bebés de entre 0 e 3 anos, o Concello reservou obsequios en forma de vales por valor de ata 50 euros.
O xurado, composto por profesionais da cultura e a animación, non se identificará durante o percorrido e valorará especialmente a música, a animación e a creatividade das propostas.
As persoas ou grupos interesados en concursar teñen varias vías para formalizar a súa inscrición gratuíta:
- Presencialmente: Do 9 ao 13 de febreiro na OMIX (Centro Multiusos O Mosteiro) en horario de 9:00 a 14:00 horas.
- En liña: A través da sede electrónica do Concello ata as 23:59 horas do día 12 de febreiro.
- Última hora: O propio sábado 14, de 15:00 a 16:30 horas, habilitarase un punto de inscrición no Pavillón Municipal de Deportes.
A organización lembra que aqueles que participen con carrozas ou vehículos de grandes dimensións que precisen remolque deben inscribirse obrigatoriamente antes do día 13 e achegar a documentación do seguro e do condutor.
En caso de que o tempo non acompañe, o desfile poderá ser anulado ou aprazado para garantir a seguridade de todas as persoas asistentes.