A Semana Santa de Paradela, no municipio de Meis, leva anos consolidada como unha das tradicións máis orixinais da zona, celebrando un ano máis as súas xa emblemáticas escenificacións e representacións populares da paixón de Cristo.
O Domingo de Ramos marcou o inicio do calendario coa escenificación da Entrada Triunfal de Jesús en Xerusalén, nunha xornada acompañada polo bo tempo.

Aínda que non existen rexistros oficiais, estímase que esta conmemoración conta cunha traxectoria de entre 150 e 200 anos. As únicas referencias conservadas pasaron de xeración en xeración de forma oral, xa que parte da documentación histórica do arquivo municipal ardeu hai aproximadamente medio século.

Desde a Asociación Cultural A Croa, encargados de organizar as representacións nesta edición, consideran importante seguir impulsando este tipo de celebracións, destacando o seu valor cultural e carácter único na contorna.
Mari Canto, unha das participantes, explica que agardan superar os mil asistentes, dependendo da climatoloxía, xa que utilizan como escenarios espazos naturais ao aire libre.
Doutra banda, o nomeamento do evento como Festa de Interese Turístico de Galicia favoreceu a chegada dun maior número de espectadores, procedentes de fóra da comunidade e mesmo doutros países.
Este recoñecemento contribuíu a que a festividade, antes máis local gañe visibilidade e sexa cada vez máis coñecida.
Este ano, con todo, a organización viuse condicionada pola falta de tempo para os ensaios e a preparación, polo que non se incorporaron novas representacións.
Seguirase a mesma liña que o ano pasado, aínda que se introduciron melloras técnicas grazas á colaboración do Concello de Meis, a Comunidade de Montes de Paradela, a Asociación Cultural A Croa e a axuda de particulares.
A participante sinala que entre 100 e 150 persoas chegan a formar parte da celebración. "Paradela é un sitio cuns mil habitantes aproximadamente. Case participa unha persoa de cada casa, temos moita participación de todos os veciños, implícanse e traballan moitísimo e sempre están aí", afirma.
O programa centra os puntos máis destacados durante o Xoves e Venres Santo, os días nos que se espera maior afluencia de público. A escenificación da Última Cea protagonizará o primeiro festivo.
O venres terán lugar dúas representacións: pola mañá celebraranse os xuízos ante Pilatos e Herodes, o Vía Crucis que percorrerá desde a igrexa até o monte de Acroa e a crucifixión.
Pola noite representarase o desencravo e unha das procesións programadas estes días, a do Enterro.
Mari Canto comenta que a escaseza de procesións débese á falta de persoal: "somos as mesmas persoas para todo, entón é moi difícil levalo adiante". Aínda así, a participación de persoas procedentes doutros lugares axúdaos a poder levalas a cabo.
A organización prioriza as escenificacións debido á súa diferenciación con outras zonas. "Inicialmente eran máis pequeniñas, facíanse só ao redor da igrexa, pero sempre se fixeron en directo", explica.
Os actores comezan a ensaiar unha vez pasado o Nadal, con dous ou tres meses de antelación, reuníndose habitualmente un par de veces por semana. Nos días previos, con todo, os encontros pasan a ser diarios para aproveitar ao máximo o tempo dispoñible.

"As poesías entrar nun ensaio, a última cea entra noutro, o Venres Santo noutro, para que a xente que poida ir e vir. Se non, son moitas horas de ensaio e non todo o mundo ten esa disposición de tempo", aclara Mari Canto, quen compara estas representacións coa montaxe dunha obra teatral.
O sábado convértese no día máis intenso, aproveitando que os nenos dispoñen de máis tempo libre. Durante toda a tarde practícanse os cantos e a interpretación que formarán parte dos actos do Domingo de Pascua.
Desde a Asociación Cultural Acroa animan a visitar a Semana Santa de Paradela, destacando que se trata dun evento singular na provincia.
Subliñan que "non só é unha cuestión relixiosa, senón que é algo moi bonito de ver", especialmente polo seu carácter en vivo e o uso de escenarios naturais, "é moi representativo".