'Grândola, Vila Morena' resoa na Boa Vila na conmemoración da Revolución dos Caraveis

Pontevedra
26 de abril 2024

O acto iniciouse coa intervención do presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo, que deu paso á actuación da agrupación musical Mais Cantos, dirixida por Nelson Quinteiro

Acto de conmemoración do 50 aniversario da Revolución dos Cravos / Mónica Patxot

O Ateneo de Pontevedra organizou, baixo o título "50 anos dun soño: 25 de abril, sempre" un ciclo de dúas xornadas conmemorativas dun feito tan relevante política, cultural e socialmente como o foi a Revolución do 25 de Abril de 1974 en Portugal, coñecida popularmente como a "Revolución dos Caraveis".

Con ese obxectivo celebraranse dous actos. O primeiro tivo lugar este xoves no Teatro Principal: a cantata comunal e pública do 'Grândola, Vila Morena'. 

O segundo acto previsto terá lugar o martes 30 de abril ás 19 horas no Pazo de Mugartegui e consistirá nunha palestra divulgativa "Todos eles foron capitáns", con membros do MFA (Movemento das Forzas Armadas) como protagonistas.

O cantada deste xoves fixo resoar 'Grândola, Vila Morena' na Boa Vila.

Esta canción, da autoría do músico e poeta José Afonso, foi o sinal radiado para dar comezo á Operación Viragem Histórica en Portugal, a revolución que poría fin á ditadura, e converteuse nun dos himnos icónicos internacionais da loita dos pobos na conquista da liberdade en contra dos réximes de opresión ditatorial.

O acto iniciouse coa intervención do presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo, que deu paso á actuación da agrupación musical Mais Cantos, dirixida por Nelson Quinteiro, que interpretó cancións tradicionais portuguesas como Mariâo, Ao pasar a ribeirinha, Pomba branca, Que faz o sol, Coro da Primavera ou Oh rama oh que linda rama. Como peche do acto,  cantouse 'Grândola, Vila Morena'.

Mais cantos é unha agrupación musical conformada na actualidade por máis de 40 cantareiros, e que nace co obxectivo de recuperar e vivir os cantos populares, tradicionais e de taberna. Creada e dirixida por Nelson Quinteiro, organizan, ao longo de todo o ano, actividades de lecer e experiencias arredor da música, o ritmo e o canto.