Pontevedra será, xunto a outros exemplos de mobilidade europea como Berlín e Málaga, a protagonista dun documental que está a gravar a ONG ambiental Greenpeace sobre a transformación das cidades e a necesaria busca dun modelo alternativo que prime as persoas sobre os vehículos a motor.
Así, a Boa Vila formará parte do proxecto Car Free Cities (cidades sen coches), que forma parte da iniciativa europea Clean Air Now, traducible como aire limpio ya.
Car Free Cities é un proxecto de comunicación elaborado por Greenpeace a nivel europeo que pretende expoñer aquelas cidades ao redor do mundo que foron construídas ou remodeladas pensando nas persoas e non só no tráfico.
A teoría do cambio detrás deste proxecto é saber o que é posible facer para axudar a que as cousas muden, demostrando os beneficios que poden aportar os diferentes modelos de mobilidade para que os espectadores pasen a ser defensores de cidades para a xente alí onde viven.
En Pontevedra, os responsables de Greenpeace entrevistaron ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e ao concelleiro César Mosquera, aos que preguntaron por como era antes a cidade, cal foi o motivo do cambio e os primeiros pasos que se deron ou os resultados inmediatos e os que tardaron máis en chegar.
Os responsables do documental tamén preguntaron por se houbo algún momento no que os pontevedreses foron conscientes de canto tiñan mudado as cousas e cales son os retos de futuro e o que falta por facer.
O vídeo sobre Pontevedra irá acompañado de declaracións de veciños e comerciantes para expoñer as claves desta transformación urbana.