O portavoz do grupo municipal do PSdeG-PSOE en Poio, Gregorío Agís, saíu ao paso das acusacións do Partido Popular sobre unha subida de impostos que "non é real".
Agís defende que o goberno local apenas tocou os impostos municipais en case unha década, asegurando que "o PP busca por todos os medios tratar de converter unha basta mentira nunha realidade".
"Ese afán por manipular á cidadanía é inadmisible nun líder dun grupo que forma parte dunha corporación municipal", sinala o socialista.
"Criticar o que non existe é a práctica habitual do PP, que, ademais, faino nun ano no que desde o Goberno municipal promovemos un amplo paquete de bonificacións para familias numerosas, para reformas de edificacións que aposten por enerxías renovables ou para persoas que adquiran vehículos híbridos ou eléctricos", incide Gregorio Agís.
En canto ao imposto de circulación, que baseaba a crítica popular, o portavoz socialista e membro do goberno local matiza que se trata de "unha actualización que non afecta a camións, autobuses, tractores e motocicletas e que está limitada ao 10%, para promover iniciativas dun futuro sostible, reducindo a pegada de carbono e cumprindo co establecido pola Axenda 2030".