Límite ás autocaravanas nas praias do Grove este mesmo verán.
Complementando á ordenanza municipal que se atopa en exposición pública, e mentres non entra en funcionamento, o Concello do Grove anunciou a colocación de sinais de prohibición en dous dos seus areais máis representativos, As Pipas e Reboredo.
Desde esta mesma fin de semana colocáronse sinais da Dirección Xeral de Tráfico que prohiben o paso a vehículos de máis de tres toneladas de peso.
"Isto faise primeiro para evitar a acumulación de autocaravanas nesas zonas que durante estes anos foi denunciada por moitos veciños e usurarios das praias, xa que as autocaravanas adoitan superar os 3.000 quilos, pero tamén porque queremos preservar as zonas máis sensibles do noso pobo como son as praias", xustifica o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos.
Ademais tamén se imporá unha nova limitación, a de estacionamento de calquera tipo de vehículo entre as 23.00 horas da noite e as 8.00 horas da mañá.
Esta segunda medida adóptase para evitar que pasen a noite coches ou furgonetas.
En todo caso, para tentar facilitar o acceso a estes areais, o goberno local traballa en adecuar aparcadoiros disuasorios antes destas praias.
Xa temos localizadas coa Comunidade de Montes de San Vicente tres zonas", avanzou o alcalde confirmando a intención de adecuar estes terreos con terra e xabre co obxectivo de evitar desta forma a acumulación de coches na zona máis próximas aos areais.