Para o alcalde do Grove, José Cacabelos, a única solución "eficaz" para acabar cos atascos recorrentes na zona da Lanzada é o "desdobramento real" do corredor do Salnés, a principal vía de acceso ao Grove, tanto de entrada como de saída.
Entende que o "verdadeiro problema" deste acceso é de capacidade viaria, polo que sostén que actuacións como o carril segregado habilitado nas Salinas pode supoñer un "pequeno alivio", pero sen que teña unha "eficacia real" para solucionar este problema.
"Non estou convencido de que sexa a solución definitiva. O semáforo continúa sendo unha boca de botella e mentres siga aí, obrigando a parar os vehículos, o problema persistirá", afirma o alcalde.
O técnicos da Xunta recoñeceron, engade Cacabelos, que ese desdobramento sería a alternativa ideal, pero que os condicionantes ambientais da zona dificultan a súa execución.
O rexedor do Grove afirma, a este respecto, que existen proxectos con impacto ambiental moito maior que si se sacaron adiante e avogou por "buscar un equilibrio" entre a protección ambiental e as necesidades sociais, turísticas e económicas do seu municipio.
A situación actual "segue a ser preocupante", subliña o alcalde, que indicou que onte mesmo, ás 10:30 da mañá, xa había caravana para saír do Grove e pouco despois tamén para entrar.
"O problema non está na glorieta do final da autovía, senón en que non hai unha infraestrutura que permita circular sen interrupcións ata o Grove", concluíu José Cacabelos.
O alcalde tamén puxo enriba da mesa unha proposta concreta: a construción dun paso elevado para peóns que permita eliminar o semáforo da Lanzada e garantir tanto a fluidez do tráfico como a seguridade das persoas que acceden á praia.
Pese a todo, Cacabelos quixo destacar o compromiso da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, "que nestes poucos meses amosou máis interese pola situación que outros en anos".
A este respecto, reiterou a súa disposición a seguir colaborando para acadar unha solución "viable, eficaz e respectuosa co medio".