O centro do Grove afronta desde este mércores unha reorganización do tráfico que limitará o acceso con vehículo a varias rúas da vila.
O Concello porá en marcha as novas condicións de uso e circulación unha vez quede instalada, ao longo desta tarde, toda a sinalización necesaria.
A medida afectará ás rúas Claudio Iglesias, Vila Vella —nun tramo concreto— e á zona de Entrehortas, que pasarán a ter uso exclusivo para residentes.
En concreto, a restrición abranguerá a área comprendida entre Entrehortas, Claudio Iglesias e o tramo de Vila Vella desde Pardiños cara abaixo.
Trátase dunha zona do centro urbano caracterizada pola estreiteza das súas rúas e pola dificultade para absorber o volume actual de tráfico.
Esta situación acentuouse nos últimos meses tras a humanización da contorna de Entrehortas, un espazo no que o paso continuo de vehículos estaba a xerar problemas tanto para a circulación como para a vida diaria da veciñanza.
Co novo sistema, o acceso con coche quedará restrinxido ás persoas residentes nestas vías, mentres que o resto de condutores deberán empregar itinerarios alternativos para desprazarse polo centro da vila.
A reorganización tamén implicará cambios nos percorridos habituais cara ao Monte da Vila e aos equipamentos situados nesta zona. Así, o acceso ao centro de saúde, ao auditorio, á Casa da Cultura, ao campo de fútbol e ao instituto deberá realizarse a través do Paseo de Beiramar, continuando polas rúas Luis Casais e Pombal ata chegar ao Monte da Vila.
Pola súa banda, a saída desde este ámbito efectuarase pola baixada das Bouzas.
Durante a xornada, axentes da Policía Local estarán presentes na zona para informar tanto á veciñanza como aos condutores sobre os novos sentidos de circulación e as limitacións de acceso, co obxectivo de facilitar a adaptación aos cambios.
Desde a Alcaldía sinalan que esta medida busca reducir o tráfico de paso e mellorar a seguridade e a convivencia nunha área con rúas de dimensións reducidas, onde a circulación de vehículos estaba a provocar cada vez máis dificultades.