O GRS-7 de Mourente, un equipo de elite con 128 axentes para velar pola seguridade en Galicia

Pontevedra
01 de maio 2025

Abel Losada, subdelegado do Goberno en Pontevedra, visitou as instalacións e presenciou un exercicio práctico de resposta a un atentado con interceptación dun vehículo en fuga

Visita de Abel Losada á base de Mourente do GRS 7 Subdelegación del Gobierno

O Grupo de Reserva e Seguridade número 7 (GRS-7) da Garda Civil, situado na parroquia pontevedresa de Mourente, é unha unidade especial pouco coñecida para moitos cidadáns pero cun papel fundamental na seguridade pública.

Así o destacou o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, durante a súa visita ás instalacións deste grupo operativo.

Losada foi recibido polo comandante Leovigildo Villares, quen o acompañou durante o percorrido pola base e lle explicou o funcionamento operativo e loxístico desta unidade especial, formada por 128 efectivos con competencias en toda Galicia, aínda que con capacidade para desprazarse a calquera punto do territorio nacional.

"A cidadanía debe coñecer e sentir orgullo de que, grazas a profesionais como estes, os seus impostos se traducen en seguridade real para todos e todas", sinalou o subdelegado durante a visita, na que tamén repasou as principais intervencións recentes do GRS-7.

Entre estas actuacións destacan o desprazamento de numerosos efectivos a socorrer a vítimas na dana de Valencia para apoiar ás unidades locais en tarefas de seguridade cidadá e control de orde pública.

Tamén foi relevante a súa mobilización inmediata durante o corte masivo de subministración eléctrica deste luns 28, reforzando as unidades territoriais da Garda Civil en Vigo, Santiago, Mos e Baiona, garantindo a protección de infraestruturas críticas e prestando apoio á poboación afectada.

Un dos momentos máis destacados da visita foi a exhibición dun exercicio práctico de resposta a un atentado, que consistiu na montaxe dun dispositivo reactivo con interceptación dun vehículo en fuga e detención de sospeitosos, demostrando a alta capacitación deste equipo.

O GRS-7 realiza múltiples funcións que requiren unha gran especialización: operacións especiais, rescate de persoas, actuacións NRBQ (nuclear, radiolóxica, biolóxica e química), intervencións acuáticas, control de masas, tiradores especializados e incluso conta cunha unidade canina.

Abel Losada cun dos cans na base de MourenteSubdelegación do Goberno

Toda esta actividade esixe un nivel de adestramento e formación continuada que garante a súa preparación ante calquera reto.

Abel Losada concluíu a súa visita destacando o traballo e o compromiso do comandante Villares e de cada un dos 128 gardas civís que integran esta unidade, "que traballan cada día para protexer á poboación coa máxima profesionalidade e vocación de servizo".

Abel Losada revisa as armas na base dos GRS 7Subdelegación do Goberno